Programa Intercooperación EspazoCoop 2025-2026

«Exerce-la intercooperación»

EspazoCoop, co apoio da Rede Eusumo da Xunta de Galicia, promove un programa para impulsar procesos de intercooperación e estimular a práctica deste principio cooperativo fundamental que distingue especialmente a economía cooperativa e a cultura empresarial que poden exercer as cooperativas, sumando valor, diferenciándose doutras formas de economía competitivas.

Hai motivos para intercooperar

As cooperativas poden alcanzar un maior potencial mediante a colaboración práctica dunhas con outras, tanto no ámbito local como no internacional, no sectorial ou no intersectorial.

A «intercooperación» pódese implementar dende diversas perspectivas, e dende distintas fórmulas de organización.

Son moitas as experiencias de intercooperación que se teñen dado no mundo do cooperativismo e a economía social e solidaria (ESS), como un modo de funcionar natural, para alcanzar obxetivos comúns, solucionar necesidades compartidas, crear actividade económica en conxunto e xerar mercados sociais.

Obxectivos

Os obxectivos que se propón a Unión de Cooperativas coas actuación deste programa son:

  • Facilitar o coñecemento mutuo das empresas participantes no programa de intercooperación.
  • Descubrir temas de interese e solucións para desenvolver estratexias de cooperación.
  • Tratar asuntos susceptibles de inter-cooperativizar, para favorecer tanto a xestión empresarial e societaria (financiamento, compras conxuntas, comercialización, promoción, etc.), como a innovación cooperativa (plataformas dixitais cooperativas), ou a consolidación da actividade e do emprego.
  • Mostrar e divulgar boas prácticas de intercooperación.
  • Estimular, dinamizar e acompañar ás cooperativas e outras entidades de ESS en procesos de intercooperación.
  • Crear material de difusión e promoción para o exercicio da intercooperación.

Actividades do programa

Para fomentar a intercooperación, tanto a nivel sectorial como intersectorial e con outras entidades da Economía Social e Solidaria (ESS) a Unión de Cooperativas EspazoCoop implementa un itinerario de intervención e actuacións, mediante a realización de:

  • Encontros temáticos ou sectoriais de cooperativas e outras empresas e entidades de ESS.
  • Acompañamento a proxectos e iniciativas de intercooperación.

A quen vai dirixido?

As  actividades do programa están destinadas a cooperativas e empresas de economía social, ás persoas dos órganos de goberno e persoal técnico con responsabilidades de xestión empresarial e societaria.

Axenda dos Encontros

A seguir relaciónanse os encontros de intercooperación que se van programando no marco do Programa de Intercooperación de EspazoCoop 2025-2026, tendo previsto desenvolver 4 encontros.


Encontro > Cooperativas de ensino. Cangas, 28 febreiro 2026, de 10 a 14.30 h.

Encontro da Sectorial de Cooperativas de Ensino de EspazoCoop que tratará temas de interese para os colexios cooperativos como son os convenios de colaboración con provedores de servizos, e a participación da Sectorial no proceso de planificación estratéxica da Unión para o período 2026-2029.

O encontro finalizará coa visita ás instalacións do Colexio Eduardo Pondal S. Coop. Galega.

A Unión facilitará o intercambio de información, a interacción para o mutuo coñecemento, o debate, e a participación. Vaise celebrar no Colexio Eduardo Pondal de Cangas do Morrazo, o vindeiro sábado 28 de febreiro de 10 a 14.30 horas.

Confirmar asistencia realizando a inscrición > neste enlace.

 


Encontro > Cooperativas asesorías e consultoras. En liña, 28 maio 2026, de mañá.

EspazoCoop organiza un encontro da Sectorial de Asesorías e Consultoras de que tratará asuntos e temas de interese para as cooperativas socias deste sector.

Facilitará o intercambio de información, o debate, a exposición de experiencias e boas prácticas entre as participantes. Celébrase en formato en liña, o xoves 28 de maio de mañá.  Proximamente será publicado o programa e se habilitará a inscrición nesta sección.


Encontro > Cooperativas cultura, turismo, ocio, patrimonio e medio ambiente. Pontevedra, 29 novembro 2025.

O Cooperativismo Cultural: Motor de futuro, é o título do encontro que se realiza no Pazo da Cultura de Pontevedra o 28 de novembro de 2025 no marco de Culturgal. A Feira Culturgal 2025, é un lugar de encontro entre o público e artistas, profesionais e institucións, no que se desenvolve o encontro para visitar a Feira, participar na súa inauguración e abordar o intercambio de experiencias con outras feiras do Estado. Unha sesión para coñecer como artellar o contacto entre creadores e compañías con profesionais da xestión cultural, programadores, empresas e institucións.

Ademais como cada ano a Feira conta coa presenza do Stand da Economía Social Galega promovido pola Xunta de Galicia, coa participación de cooperativas e empresas de economía social do sector cultural.

O encontro está principalmente destinado ás cooperativas culturais de Espazocoop e do resto das asociacións de cooperativas do Estado. Máis información neste enlace 

 


Encontro > Cooperativas de calquera sector (multisectorial). Ribas de Sil, 22 novembro 2025

As cooperativas A Casa das Redes e Aventeira, e EspazoCoop promoven un encontro de intercooperación os días 22 e 23 de novembro de 2025 no Xeocamping Montañas do Courel, en Ribas de Sil (Lugo), que se enmarca no Programa de Intercooperación de EspazoCoop apoiado pola Rede Eusumo.

Un espazo de convivencia e encontro entre cooperativas galegas: un tempo para coñecerse, compartir experiencias, colaborar e intercambiar coñecementos.

 

Concibido para cooperativas galegas do eido da Educación Non Formal, no terreo dos tempos libres, as aulas, a cultura ou o turismo, pero aberto a outros sectores.

Máis información: aquí


[ Actividades realizadas co apoio e no marco dos programas 2025-2026 da  Rede Eusumo – Xunta de Galicia.]

(*) «Exerce-la Intercooperación» foi o título dunha liña formativa dentro do Programa de Formación de Cadros de Xestión da Economía Social, impulsado pola Asociación para a Economía Social, UVigo, a finais dos anos noventa.