EXPOSICIÓN: ‘COLECTIVA DUN COLECTIVO’

Dende 7H Cooperativa Cultural nos informan da inauguración da mostra “Colectiva dun Colectivo” que terá lugar este venres 5 de xullo, ás 20:00h, no Centro Galego de Arte Contemporáneo (CGAC).

Trátase dunha actividade xurdida dun proxecto de intercooperación entre dúas cooperativas, 7H Cooperativa Cultural e Plano Plano Pementa.

A exposición Colectiva dun Colectivo é o resultado do desenvolvemento de Na Varanda, un programa artístico-educativo deseñado e dirixido por Candela Rajal, da cooperativa Plano Pementa, e Rebeca Mariño, de 7H Cooperativa Cultural, para o Centro Galego de Arte Contemporáneo (CGAC) co obxectivo de construír un espazo de encontro e intercambio entre o museo, o seu patrimonio cultural e a cidadanía compostelá.

Ao longo de sete meses, as persoas participantes no proxecto traballaron crítica, reflexiva e colaborativamente arredor das claves da arte contemporánea e dos procesos de creación de exposicións museísticas a fin de converterse en suxeitos culturais activos a través do deseño, produción e comisariado colectivo dunha mostra artística.

Para a súa materialización, as integrantes do programa -procedentes de diferentes ámbitos e distintos niveis formativos -, realizaron unha selección de obras da colección do CGAC, coas que dialogaron creativamente a partir dos conceptos de espello e diferenza, é dicir, das identificacións e distancias que cada obra suscita nas distintas subxectividades.

Así, en Colectiva dun Colectivo, pezas das artistas galegas Vari Caramés, Rita Rodríguez, Virxilio Viéitez, Tatiana Medal, Alberto Barreiro, Álvaro Negro, Ana Fernández, Manuel Sendón, Suso Fandiño e Patricia Dopico, adquirennovos significados nun discurso polifónico no que se mesturan inquedanzas, sensibilidades, necesidades e realidades sociais que, en moitos casos, adoitan carecer de representación nas institucións culturais.

Unha apropiación que, transformada nun contido integrado na programación do museo, será presentada polas participantes do proxecto o día da inauguración, na que tamén se encargarán de realizar as visitas guiadas explicando o proceso creativo e atendendo aos medios de comunicación.

Fotografía: Ramón Yoshimura