Que é exactamente o acompañamento en EspazoCoop Emprende?

O acompañamento en EspazoCoop Emprende, programa de apoio ao emprendemento cooperativo impulsado por EspazoCoop, é un proceso integral no que axudamos ás persoas emprendedoras a converter unha idea nun proxecto cooperativo viable e sostible. Non é só asesoramento puntual: é estar ao lado do proxecto durante todo o proceso, ofrecendo orientación técnica, formación e ferramentas prácticas adaptadas a cada iniciativa.

O itinerario de acompañamento estrutúrase en catro fases: a definición da idea de negocio, a través de formación e acompañamento específico; a análise da viabilidade técnica, económica e organizativa do proxecto mediante a elaboración dun plan de empresa; o apoio no proceso de constitución e posta en marcha; e, finalmente, a consolidación do proxecto durante a fase semente, que abarca desde a constitución da cooperativa ata o primeiro ano e medio de vida. Ao longo de todo este percorrido, o compoñente formativo é un elemento clave que acompaña cada etapa do proceso.

Cal é o primeiro paso cando chega un proxecto?

O primeiro é escoitar. Facemos unha reunión inicial para coñecer a idea, o equipo promotor e as motivacións. Analizamos en que punto están e deseñamos un itinerario de acompañamento adaptado ás súas necesidades.

En que punto adoitan estar as ideas cando contactan convosco?

Hai moita variedade. O máis habitual é que teñan unha idea clara do que queren facer, pero dúbidas sobre como estruturala ou como facer viable economicamente a proposta. Ás veces están nunha fase moi inicial e outras xa teñen bastante avanzado o plan.

Como axudades a transformar unha idea nun proxecto cooperativo real?

Traballamos o modelo de negocio, a análise de mercado, a planificación económica e a organización interna. Pero nun proxecto cooperativo é clave tamén definir ben a gobernanza, os roles e os mecanismos de toma de decisións. Acompañamos tanto na parte estratéxica como nos trámites de constitución.

Que erros ou medos son máis habituais nas persoas emprendedoras?

Un medo habitual é non sentirse suficientemente preparadas ou pensar que a súa idea non é “tan boa”. Tamén é frecuente evitar conversacións incómodas dentro do grupo sobre expectativas ou responsabilidades. Por iso insistimos moito na planificación e na comunicación desde o inicio.

Que aspectos se traballan máis alá dos trámites e da parte legal?

Trabállase moito a cohesión do grupo, a definición da misión e dos valores compartidos, a sustentabilidade a medio prazo e a conexión co territorio. Desde EspazoCoop entendemos que unha cooperativa non é só unha fórmula xurídica, senón unha maneira diferente de facer empresa.

En que momento notades que a idea xa se converte nun proxecto sólido?

Cando o equipo ten claro que problema resolve, para quen e como vai sosterse economicamente. Pero sobre todo, cando hai compromiso real entre as persoas socias e unha visión compartida do proxecto.

Que papel xoga o grupo humano no éxito dunha cooperativa?

É fundamental. Nunha cooperativa o grupo é o motor do proxecto. A confianza, a corresponsabilidade e a capacidade de tomar decisións de maneira democrática son claves para que o proxecto medre e se consolide.

Que ten de especial acompañar proxectos cooperativos fronte a outros modelos empresariais?

A diferenza principal é que aquí o centro é o colectivo. Non se trata só de rendibilidade económica, senón tamén de participación, impacto social e distribución xusta das responsabilidades e dos resultados. Iso fai que o acompañamento teña unha dimensión máis humana e máis estratéxica ao mesmo tempo.

Que lle dirías a alguén que ten unha idea e non sabe por onde empezar?

Que non espere a telo todo pechado para dar o paso. Compartir a idea, contrastala e deixarse acompañar é a mellor maneira de comezar con máis seguridade e máis posibilidades de éxito.