EspazoCoop, entidade impulsora dunha axenda histórica para o cooperativismo cultural

EspazoCoop logra que os Ministerios de Cultura e de Traballo e Economía Social se comprometan a construír a Axenda de Economía Social na Cultura, un marco de apoio específico para cooperativas e sociedades laborais culturais en todo o Estado.

 

O pasado 16 de abril celebrouse en Madrid o encontro ‘Conectando Cultura e Economía Social: bases para unha axenda común’, un espazo de diálogo no que no que EspazoCoop e Coceta participaron activamente como entidades promotoras xunto ao ministro de Cultura, Ernest Urtasun, e a vicepresidenta segunda e ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz. Representando a EspazoCoop estiveron Emi Candal, de Urdime, e Nacho Fungueiriño de Culturactiva, que trasladaron directamente a voz e as necesidades do cooperativismo cultural galego ao máis alto nivel institucional do Estado. Non foi unha presenza calquera: EspazoCoop e Coceta estiveron na mesa onde se sentaron as bases desta axenda, xunto a máis de vinte entidades do sector de todo o Estado.

Este fito non é casual. É o resultado de anos de traballo constante, de construción de redes, de defensa da cultura como dereito e de demostración, con feitos, de que o modelo cooperativo é unha resposta real e sostible para o sector cultural. EspazoCoop leva tempo abrindo camiño: as xornadas SOMOS CULTURA, SOMOS COOP, celebradas en novembro de 2025 en Santiago de Compostela, A Coruña e Pontevedra, organizadas xunto a Coceta, reuniron ao cooperativismo cultural de todo o Estado en Galicia e converteron á nosa comunidade en referencia neste ámbito. Aquel encontro foi tamén un paso decisivo para chegar ata aquí.

A Axenda de Economía Social na Cultura ten como obxectivo reforzar os modelos cooperativos no ámbito cultural para garantir a cultura como dereito, mellorar a sostibilidade do tecido cultural e democratizar tanto a produción como o acceso á cultura. Enmárcase no Plan de Dereitos Culturais do Ministerio de Cultura e, de forma moi significativa, comprométese a ser construída co sector e desde a experiencia real das entidades. Iso significa que a voz de EspazoCoop e das súas cooperativas socias terá un papel central no que vén.

No encontro abordáronse os retos e barreiras que enfrontan hoxe as empresas culturais da economía social, e ambos os ministerios comprometéronse a continuar o diálogo e a mellorar a coordinación entre as políticas culturais e as de economía social. Uns compromisos que EspazoCoop, a través de Emi Candal e Nacho Fungueiriño, contribuíu a facer posibles.

Para as cooperativas culturais socias, este é un momento para celebrar e, sobre todo, para seguir construíndo. O traballo feito tivo eco. Agora toca asegurarse de que esa axenda recolla as nosas demandas e se traduza en melloras concretas para o sector. EspazoCoop continuará sendo parte activa dese proceso.