Interésache ofrecer Prácticas na túa cooperativa? | Agora podes acoller alumnado do Máster Interuniversitario en Economía

Dende a coordinación do Máster Interuniversitario en Economía, que imparten conxuntamente as Universidades de Vigo, Santiago e Coruña (www.mastereconomia.gal), chéganos información destinada ás cooperativas socias de EspazoCoop, coa finalidade de que valoren o interese de acoller a estudantes para realizar prácticas nas cooperativas.

O Máster Interuniversitario en Economía, é un programa de posgrado de nova implantación neste curso 2018-2019, cun elevado contido analítico e cuantitativo, destinado a licenciadas e licenciados en Economía, ADE, Física, Matemáticas ou Enxeñería.

O primeiro cuatrimestre ten materias comúns, e no segundo temos catro especialidades “Políticas Públicas e Análise Económica Rexional”, “Economía e Sociedade”, “Economía e Finanzas”, e a especialidade de «Análise Económica» (teoría económica e análise de datos).

Pódese consultar os contidos e o perfil das especialidades na páxina web do Máster, www.mastereconomia.gal

O perfil dos coñecementos adquiridos polo alumnado permítenlles realizar tarefas de análise de datos (demanda, mercados, etc.) e de tarefas de xestión. Dependendo das necesidades da cooperativa poderíase buscar un perfil particular de alumna ou alumno.

O plan de estudos contempla prácticas obrigatorias de 150 horas que teñen un valor académico de 6 créditos. Istes son os que chamamos “prácticas curriculares.” Pero se as empresas e os estudantes o desexan, poden realizarse prácticas de maior duración, que teñen a consideración de “extracurriculares.”

No caso de levar adiante a colaboración, a cooperativa ou entidade que ofrece as prácticas debe asinar un convenio conxunto cas tres universidades galegas (Universidade de Santiago de Compostela, Universidade da Coruña e Universidade de Vigo).

E en canto ao procedemento a seguir para asignar estudantes o proceso habitual que se adoita seguir é contactar cada ano ca persoa de contacto que a empresa designe, para enviarlle un CV e un breve informe coas características das persoas estudantes de que dispoñen para que a empresa poida seleccionar o alumno/a que máis se axuste ao perfil da práctica. Mesmo poden solicitar realizar unha entrevista cos estudiantes para tomar a decisión.

En canto ao período de realización de prácticas, o Máster está organizado para que istas se realicen nos meses de Maio (aínda que algún alumno ou alumna podería ter que examinarse neste mes), Xuño e Xullo en calquera horario, porque xa finalizaron as clases.

Pero se unha cooperativa ou entidade ofrece prácticas noutro momento entre Xaneiro e Maio, tamén se podería considerar.

Contacta coa Unión de Cooperativas EspazoCoop o antes posible no email info@espazo.coop ou no telf. 981 57 55 78 

 

[ A Unión de Cooperativavas EspazoCoop ten un Convenio de Colaboración coa Universidade de Vigo ]