Chamada! Stand da Economía Social Galega no Culturgal 2024

 

Un ano máis, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, a través da Secretaría Xeral de Emprego e Relacións
Laborais mantén o seu compromiso coa presenza do eido cultural da economía social na Culturgal. Por este motivo, a Xunta convida e anima a participar na edición 2024 da Culturgal, a Feira das Culturas Galegas, que este ano se celebrará en Pontevedra do venres 29 de novembro ao domingo 1 de decembro.

Como cada ano, disporá de xeito gratuíto dun espazo expositivo colectivo desde onde visibilizar a economía social galega, así como a diversidade de produtos e servizos das entidades culturais participantes.

En caso de ter interese en participar, será requisito imprescindible achegar a ficha de inscrición cuberta, preme aquí, antes das 14:00 h. do xoves 17 de outubro aos correos economiasocial.emprego@xunta.gal e a 7hcoop@7hcoop.gal.

Características do stand e requisitos de participación

O Stand da Economía Social Galega é xa un consolidado punto de encontro e intercooperación para as entidades do
sector, un espazo fundamental para establecer contacto con potenciais clientes durante a Feira e, tamén, un importante
escaparate para o sector cultural.

Como stand colectivo, ofrécevos a oportunidade de participar como entidade expositora enviando únicamente unha mostra dos vosos produtos e servizos, ou ben ser un espazo de traballo comercial, no que poderedes desde reunirvos con potenciais clientes e/ou colaboradores a programar presentacións ou actividades.

A equipa de coordinación supervisará e atenderá o stand durante o horario completo de apertura, facilitando que as entidades participantes que así o desexen fagan uso do espazo colectivo segundo as súas necesidades, que deberán trasladar á organización no momento de cubrir á solicitude.

Para poder participar é imprescindible ser entidades culturais de carácter profesional e estar ao día no cumprimento das
obrigas rexistrais.

Unha vez confirmada a vosa participación, coordinarase o uso colectivo atendendo ás distintas necesidades comunicadas.

Actividades no stand

Como vén sendo habitual, o stand está dispoñible para que as entidades participantes poidan facer uso del e presentar
alí os seus proxectos ou servizos, dun modo cercano e sen amplificación. As cooperativas, sociedades laborais, centros especiais de emprego, empresas de inserción e outras entidades da economía social pertencentes ao sector cultural profesional poden enviar, no momento da súa inscrición, a súa proposta de exhibición, presentación ou espectáculo, indicando as necesidades das mesmas se as tivesen.

Convocatoria de actividades para a programación oficial do Culturgal

Co fin de visibilizar e apoiar a cultura creada no contexto da economía social e seguindo a liña marcada o ano pasado en colaboración coa equipa directiva da feira, escolleranse varias actividades das entidades participantes no stand para formar parte do programa oficial desta 17ª edición da Culturgal.

Para candidatarse a este proceso de selección basta indicalo na ficha de inscrición, acompañando a solicitude cunha descrición detallada da actividade, que deberá estar pensada para os escenarios principais. Sempre que sexa posible,
incluiranse coa proposta arquivos de imaxe, vídeo ou música, segundo proceda, para a súa pre-visualización, así como un orzamento detallado da mesma. Aínda que non hai limitacións nos contidos, valoraranse especialmente as propostas
multidisciplináis e novidosas; cuxa duración non supere os 45 min.

De entre as propostas recibidas, seleccionaranse aquelas que permitan completar unha oferta o máis coherente, variada
e atractiva posible, priorizándose aquelas que sexan novidades e/ou estreas ou que estean deseñadas expresamente para a ocasión. Escollerase un máximo dunha proposta por entidade. A selección de propostas será realizada pola Subdirección Xeral de Economía Social en colaboración co equipo directivo da feira.