Talento Cooperativo 2025
Consolida a túa empresa de economía social
A Unión de Cooperativas Galegas Espazocoop abre a convocatoria para participar no programa Talento Cooperativo 2025, un programa de consolidación e formación para a mellora no funcionamento das cooperativas e entidades de economía social.
Talento Cooperativo ten como obxectivo facilitar apoio ás entidades participantes, mediante a incorporación de persoas formadas en xestión empresarial e con coñecementos específicos sobre cooperativas e outras fórmulas da economía social de cara a fortalecer as súas competencias en xestión empresarial ao tempo que se achega unha alternativa de remuda xeracional para as empresas beneficiarias.
Destinatarias da convocatoria
Convocatoria dirixida a empresas cooperativas e outras entidades de economía social galega.
Por que é de interese para cooperativas e entidades de economía social solicitar o programa?
Se sodes unha cooperativa que quere mellorar e mesmo impulsar a área da xerencia, este programa pode interesarte. O recurso permitirá contar cunha persoa titulada con formación empresarial, durante 6 meses, e froito do seu traballo poderá obter un Plan de Mellora e avances nas funcións xerenciais na empresa, pasando por fases de: análise, planificación e xestión participada.
Se non contades con persoal cualificado e específico para desempeñar a xestión empresarial e directiva na cooperativa ou empresa de economía social, esta pode ser unha boa oportunidade. Solicita unha bolsa do 30 de maio ao 30 de xuño de 2025.
Contar cunha persoa bolseira permite analizar, deseñar, planificar e desenvolver accións de mellora na xestión da organización, e o fará co apoio de titorización de EspazoCoop, en coordinación coa cooperativa e adaptándose ás necesidades e demandas desta.
DOCUMENTOS DO PROGRAMA
- Bases da convocatoria do programa Talento Cooperativo, aquí
- Certificado – solicitude do programa, aquí
- Formulario en liña, a solicitude do programa ademais conleva cumprimentar en liña e enviar un formulario habilitado para recabar información da entidade que permitirá valorar a solicitude, aquí
Folleto divulgativo Talento Cooperativo 2025: aquí
As bolsas do programa Talento Cooperativo son unha ferramenta de utilidade na empresa
O recurso das bolsas ten amosado que é unha ferramenta de utilidade, despois de dez edicións do programa xa participaron 62 cooperativas e entidades de economía social que valoraron de xeito moi positivo a experiencia, tanto polo apoio que deu aos proxectos e á actividade económica, como polos resultados do traballo realizado polas persoas bolseiras.
A diagnose feita para a cooperativa, as propostas de mellora que se plantexaron, incluso que se levaron a cabo, así como a aprendizaxe mutua no ámbito xerencial que experimentan, fan que lles resulte un instrumento de apoio na evolución empresarial ben interesante. O balance acumulado, lévanos a dar continuidade ao programa e a por en marcha unha nova convocatoria.
Máis información e consultas: roberto@espazo.coop | 986 866 149
Programa creado e convocado por: Unión de Cooperativas Galegas EspazoCoop.
Esta iniciativa conta co apoio dos programas:
– Programa 2024-2025 da Rede Eusumo. Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Xunta de Galicia, co financiamento do Ministerio de Traballo e Economía Social do Goberno de España.
– Proxecto 0259_ES_Factory_1_E que está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional FEDER no marco do programa Interreg VI A España – Portugal 2021-2027.
Deja tu comentario