Xuntanzas entre Administracións públicas e as representantes das Cooperativas do Sector Cultural

  • No marco do Culturgal, pola mañá tivo lugar a xuntanza da Sectorial de Cultura de EspazoCoop co Secretario Xeral de Emprego Pablo Fernández.
  • Pola tarde terá lugar a xuntanza entre a Sectorial de Cultura de EspazoCoop cos Concelleiros do Concello de Pontevedra, Anabel Gulías, responsable do Área de promoción da igualdade, do benestar, da saúde e da economía, e Demetrio Gómez, responsable da Área de dinamización social e cultural.

No marco do Culturgal, a Sectorial de Cultura da Unión de Cooperativas de Galicia, EspazoCoop, terá no día de hoxe diferentes encontros con representantes de administracións autonómicas e locais para tratar a situación actual e futuro do sector.

Pola mañá tivo lugar o encontro con Pablo Fernández, Secretario Xeral de Emprego, no stand que a Economía Social ten nesta edición do Culturgal. A Sectorial expuxo o escenario actual que representa o cooperativismo no sector cultural de Galicia, no que hai moitas cooperativas activas, algunhas delas con moitos anos de traxectoria, e faláronse das inquedanzas e necesidades que presenta o sector en Galicia.

De feito, desde a Sectorial de Cultura de EspazoCoop se traballa en mostrar as opcións do cooperativismo e a economía social para o traballo cultural. Segundo Ana Olveira, Presidenta de EspazoCoop, “a Sectorial de Cultura de EspazoCoop aglutina a un importante número de cooperativas que traballan no sector da cultura. O noso principal obxectivo é dar voz a estas entidades, defender as súas demandas e representalas en moitas ocasións diante das Administracións. Neste xeito, hoxe temos diferentes xuntanzas con elas para achegar acordos que beneficien ás nosas cooperativas”.

Encontro co Concello de Pontevedra

Pola tarde terá lugar o encontro entre a Sectorial de Cultura de EspazoCoop cos Concelleiros do Concello de Pontevedra, Anabel Gulías, responsable do Área de promoción da igualdade, do benestar, da saúde e da economía, e Demetrio Gómez, responsable da Área de dinamización social e cultural. Nesta cita buscaranse achegar pontes entre ambas entidades para o desenvolvemento de proxectos en común que poñan en valor o traballo que levan a cabo as cooperativas culturais.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

 

Sobre EspazoCoop

A Unión de Cooperativas Espazocoop é unha entidade multisectorial de carácter empresarial, configurada como asociación sen ánimo de lucro, de ámbito galego, integrada por cooperativas de distintas clases, inspirada nos principios cooperativos e os seus valores, que ten como obxectivo agrupar, representar, impulsar, fomentar a intercooperación e defender os intereses das súas cooperativas socias e das persoas que as constitúen, así como a divulgación, fomento e consolidación do cooperativismo, como ferramenta de desenvolvemento socioeconómico, no marco da economía social e solidaria.