EspazoCoop asiste ao Día Internacional do Emprendemento organizado pola Xunta

O 16 de abril foi o Día Internacional do Emprendemento, con tal motivo a Xunta de Galicia organizou un evento o mércores 17 de abril na Cidade da Cultura, no que se presentou ao novo conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, que foi acompañado do secretario xeral de Apoio ao Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Pablo Fernández.

Foi un acto que aproveitou para poñer en valor a potencialidade da comunidade galega como rexión emprendedora e para referendar os apoios que o Goberno galego pretende brindar na nova Lexislatura ás persoas que queiran desenvolver unha actividade económica en Galicia.

Entre outras medidas, o representante da Xunta referiuse á elaboración da Estratexia Galega do Emprendemento, e ao lanzamento do denominado Mapa de emprendemento, un espazo virtual (www.mapaemprendemento.gal) que integra o ecosistema galego de apoio ao emprendemento con axentes, entidades, redes e recursos dispoñibles para iniciar unha actividade económica, na que tamén están presentes organizacións que promoven o emprendemento cooperativo e na economía social (como é o caso da Unión de Cooperativas EspazoCoop que conta con servizos de orientación, formación e acompañamento ás persoas que queren formar empresas cooperativas, ou nesta mesma liña a Rede Eusumo, de fomento do cooperativismo e da economía social en Galicia).

O conselleiro referiuse ademais á Rede de Polos de Emprendemento, con 13 centros abertos en Galicia, que teñen o obxetivo de dinamizar a economía, en especial no rural, ao se nutrir das novas ideas e oportunidades relacionadas, entre outros ámbitos, coa tecnoloxía, o turismo, as enerxías renovables ou as producións orgánicas.

Ademais, González sinalou a importancia do sector cooperativo, e de seguir a potenciar e dinamizar o emprendemento na economía social. Este modelo económico promove valores como a igualdade ou a solidariedade e antepón os intereses da colectividade.

Ao Día Internacional do Emprendemento, en representación da Unión de Cooperativas EspazoCoop, asistiu a súa presidenta, Ana Olveira Blanco, e a técnica de relacións institucionais, Mar Pernas Márquez, que tiveron a ocasión de realizar os primeiros contactos co novo conselleiro, José González Vázquez.