Renovamos o noso compromiso con Santiago para seguir impulsando o cooperativismo local

 

Desde EspazoCoop renovamos recentemente o noso compromiso co Concello de Santiago de Compostela a través do convenio de colaboración 2026, enmarcado no programa municipal «Feito en Santiago coa Economía Social». Esta alianza dá continuidade a anos de traballo conxunto e reafirma a aposta polo cooperativismo como ferramenta clave para o desenvolvemento local.

O programa deste ano articúlase en catro liñas de acción complementarias, pensadas para fortalecer o ecosistema cooperativo compostelán, que xa conta con máis de 100 cooperativas e 70 sociedades laborais en sectores tan diversos como a cultura, a alimentación, o deporte, as telecomunicacións ou os coidados.

Para nós, este convenio representa un paso máis na construción dun ecosistema sólido. A nosa presidenta, Ana Olveira Blanco, sinala que “a nosa colaboración co Concello é a mellor demostración de que apostar polo cooperativismo desde o ámbito local ten sentido, ten continuidade e ten resultados”.

Pola súa banda, María Rozas Pérez, Concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, lembrou na presentación que a economía social é un dos eixes vertebradores da Axenda Urbana 2030, por ser un modelo que contribúe a lograr os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible a través de proxectos empresariais centrados nas persoas, respectuosos co medio ambiente e comprometidos coa igualdade.

Catro liñas de acción para o cooperativismo compostelán

  • Roteiros Cooperativos: Realizaranse catro edicións con saída desde a Alameda de Santiago. Cada roteiro terá unha duración de tres horas e incluirá visitas a catro cooperativas para amosar de preto a súa actividade e experiencia.
  • Sensibilización en centros de ensino: Levaremos o cooperativismo ao CIFP Politécnico de Santiago de Compostela mediante catro charlas dirixidas ao alumnado de formación profesional ao inicio do vindeiro curso, co obxectivo de presentar o emprendemento cooperativo como unha alternativa real e viable.
  • Exposición itinerante «Cooperativas de Compostela»: Esta mostra de 20 paneis percorrerá centros socioculturais e educativos da cidade, combinando unha introdución teórica con fotografías e perfís das persoas que integran as cooperativas participantes.
  • Encontro de intercooperación «Coñéceme para poder gustarche»: Un espazo de traballo de catro horas deseñado para que as cooperativas de Compostela e a súa contorna poidan establecer contacto directo, identificar sinerxias e explorar posibilidades de colaboración.

Esta colaboración chega nun momento de especial relevancia para o movemento cooperativo, tras o impulso do Ano Internacional das Cooperativas 2025, declarado pola ONU. Desde EspazoCoop seguimos traballando para consolidar un modelo empresarial máis participativo, igualitario e vencellado ao territorio.