Manifesto
Sectorial de Cooperativas Culturais e o Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico.

Unión de Cooperativas EspazoCoop
02 de xuño de 2020

A Sectorial das cooperativas culturais da Unión de Cooperativas Espazocoop, visto o plan de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da Covid-19 declaran que:

1. O plan adoece de medidas, prazos, importes e indicadores concretos que permitan superar de xeito urxente a situación de extrema necesidade que sofren moitas das cooperativas do ámbito cultural que ven como a súa situación se agrava día a día.

2. Demandamos protocolos claros de seguridade e hixiene para os distintos sectores e subsectores da actividade cultural, atendendo ás particularidades de cada un deles, que permitan o inicio das actividades en canto as distintas fases da desescalada o permitan.

3. Instamos á administración autonómica para que sen máis demora se artellen medidas para os colectivos e subsectores (nomeadamente persoal técnico e persoal de produción, así como para aquelas entidades que fan actividades culturais no ámbito do patrimonio, lecer e ocio, arqueoloxía ) para o que non existen medidas nin referencias neste plan, así como medidas concretas que axuden na necesaria transformación e educación dixital do sector e no acceso a financiamento diversificando mecanismos como finanzas éticas ou mecenado e artellando sistemas de flexibilización para xustificacións, adiantos parciais das axudas e pagamentos de proxectos.

4. Agardamos da administración autonómica que empregue tódolos mecanismos ao seu alcance para impulsar a contratación pública responsable, derivando recursos cara as entidades de economía social do ámbito cultural e introduza criterios de discriminación positiva xerando emprego estable e de calidade, respondendo ás necesidades dos colectivos mais vulnerables, con perspectiva de xénero, e atendendo cuestións como a conciliación e os coidados. Así mesmo prestando interese pola xeración de relacións económicas colaborativas, e favorecendo a intercooperación entre entidades.

5. Demandamos unha maior participación da compañía CRTVG como xeradora de apoio e financiamento ó sector.

6. Demandamos medidas que potencien e fomenten o consumo e a compra de produtos e servizos culturais entre as familias e cidadanía en xeral.

Desde a sectorial de cultura da Unión de Cooperativas Espazocoop, vemos con especial preocupación como moitas das nosas cooperativas expresan o seu temor a non poder retomar a súa actividade con posterioridade, sen liñas claras e concretas de apoio e impulsadas de xeito inmediato, que aposten polo mantemento do emprego e pola consolidación do sector.

Agardamos da Consellería de Cultura que este primeiro plan teña a continuidade necesaria para responder ás necesidades que dende o sector temos detectado e que continuaremos trasladando para atopar as solucións que garantan a supervivencia da actividade cultural como sector económico fundamental transformado e mellorando as condicións de vida das persoas que del vivimos e nel apostamos como garante de vida nunha sociedade que sitúe as persoas e a cultura no centro; con este obxectivo manteremos o diálogo aberto.

 

Unión de Cooperativas Galegas EspazoCoop
981 57 55 78 – info@espazo.coop – www.espazo.coop