Entrevista a Mecanigal S. Coop. Galega
Como xorde MecaniGal e que necesidades detectastes no sector do mecanizado de precisión para decidirvos a crear a vosa propia cooperativa?
Somos tres socios fundadores os que formamos parte de MecaniGal; os tres coincidimos na última etapa profesional como empregados, sempre nos dedicamos ao sector anteriormente pero en diferentes empresas. Despois de moitas conversas e de darlle voltas chegamos á conclusión de que entre os tres aportaríamos unha peza clave e necesaria para a creación e desenvolvemento dunha empresa de mecanizado industrial; os tres contabamos coa experiencia previa necesaria e cada un de nós cubriría unha parte esencial para o correcto funcionamento da mesma.
En canto ás necesidades do sector, o mecanizado, en xeral, é bastante imprevisible e destaca por uns prazos de entrega moi esixentes. A nosa filosofía e pensamento desde o principio sempre foi que, se cumpriamos prazos e, sobre todo, calidade co traballo entregado, poderiamos acadar os nosos obxectivos de competitividade, ao que sumamos toda a experiencia adquirida na nosa vida laboral como vantaxe competitiva.
Valorando todo o conxunto, reuniamos todas as cualidades e tiñamos claro cara a onde queriamos ir e de que forma.
MecaniGal traballa para sectores tan esixentes como a aeronáutica, a automoción ou o naval. Que valor diferencial achega o modelo cooperativo á hora de garantir a calidade e a precisión que requiren estes clientes?
Lamentablemente, o tecido industrial galego non destaca pola presenza de cooperativas como modelo de empresa, a diferenza do que pode ser no País Vasco.
Desde a nosa experiencia cremos que a propiedade conxunta, a participación activa dos membros e o enfoque a longo prazo, por riba da maximización de beneficios a curto prazo, achegan un valor diferencial que repercute directamente na calidade e no cliente final.
Que factores foron determinantes para elixir a fórmula da cooperativa fronte a outras formas empresariais tradicionais?
Nun principio valoramos todas as formas de empresa, pero finalmente atopamos na cooperativa a forma que máis se asemellaba ao noso modelo de negocio e ao que queriamos conseguir.
A nosa decisión está centrada sobre todo no factor humano por riba do capital; consideramos o traballo como o eixe central e aí reside o noso compromiso e motivación. Baseamos o noso proxecto na colaboración, no traballo en equipo e na igualdade na toma de decisións.
Tamén valoramos moi positivamente as vantaxes fiscais e o apoio institucional que proporciona esta fórmula.
Que significou para vós contar co apoio de EspazoCoop nesta etapa de «Fase Semente» e como vos está axudando o seu asesoramento a poñer orde e fortalecer a xestión interna da cooperativa?
Para nós todo o que tiña que ver coa fórmula cooperativa era bastante descoñecido, e cremos que lle pasa un pouco a todo o mundo; fóra das formas de empresa tradicionais existe un gran descoñecemento.
Nós tiñamos a idea pero non tiñamos moi claro como desenvolvela; buscamos información e descubrimos a Unión e decidimos poñernos en contacto buscando esa guía que nos orientase. En EspazoCoop puidemos atopar desde o principio ese apoio e asesoramento, con especial mención a Teresa, que se implicou co noso proxecto, así como ao resto do equipo, sempre disposto a prestar asesoramento.
Cremos firmemente que sen o apoio de EspazoCoop non tería sido posible chegar ata este punto tan facilmente, ou quizais estariamos baixo outra forma empresarial.
Desde EspazoCoop están continuamente desenvolvendo e informando de actividades e obradoiros que fomentan a economía social; ademais, tamén organizan cursos orientados ás necesidades específicas que poidan xurdir, entre outros.
Neste sentido sentímonos totalmente apoiados e calquera problema ou dúbida relacionada co asesoramento ou coa xestión interna está cuberta.
Cal foi o maior desafío que atopastes desde a vosa posta en marcha e como vos axudou o acompañamento de EspazoCoop a superar obstáculos nesta etapa de lanzamento?
Quizais os maiores problemas déronse precisamente na posta en marcha. Solicitar, reunir e presentar toda a documentación para os distintos órganos competentes foi a tarefa máis tediosa; non deixan de ser trámites burocráticos, pero sen unha guía faise complicado de xestionar.
Desde EspazoCoop déronnos todas as ferramentas e asesoramento para, paso a paso, ir dándolle forma ao noso proxecto e transformar a idea nunha empresa.
Como se conxuga a innovación tecnolóxica constante coa xestión democrática dunha cooperativa?
Por unha banda hai que prestar atención ao mercado, xa que está en continua evolución e transformación; cómpre ter a suficiente capacidade de adaptación para poder ser competitivo. A xestión democrática entre todos os socios debe ir da man coa evolución do mercado.
Que aprendizaxes destacaríades desta primeira etapa como cooperativistas no sector industrial galego?
O noso percorrido de momento é moi curto, pero o que si podemos destacar é que a colaboración xera máis valor que a competencia interna. Traballar baixo un modelo cooperativo permitiunos aliñar obxectivos, compartir coñecemento e tomar decisións pensando no longo prazo.
Para rematar, que consello lle daríades a outros profesionais do ámbito técnico ou industrial que estean pensando en emprender a través da economía social?
A día de hoxe non é doado tomar a decisión de emprender; entendemos que hai que sopesar moitas cuestións e ter claro o obxectivo a seguir. Moita xente a día de hoxe segue dicíndonos que somos “uns valentes”.
Nós cremos que paga a pena arriscarse e, sobre todo, paga a pena apostar pola economía social; saír do modelo convencional ten outras vantaxes que moita xente descoñece.
Animamos a todo aquel que estea valorando desenvolver un proxecto empresarial a que perda o medo e que loite polos seus obxectivos, porque con traballo e esforzo todo se pode acadar.
Deja tu comentario