Con motivo da creación da nova unión de cooperativas Espazocoop, Eusumo Cooperativismo e Economía Social de Galicia, realiza unha entrevista ao Presidente Celso Gándara, que a seguir reproducimos:

Celso Gándara, presidente de Espazocoop: «A fusión entre empresas de economía social de Galicia é o gran reto para a súa sustentabilidade e consolidación”

A economía social é un modelo no que priman as persoas sobre o capital e no que a cooperación é un elemento indispensable da súa identidade. Con estas premisas, o sector en Galicia está vivindo procesos de integración que non só se producen entre cooperativas dun determinado eido de actividade, senón que tamén se dá entre entidades representativas como Ucetag, Ugacota e Sinerxia, que veñen de acordar a súa fusión nunha nova unión, que se denomina Espazocoop. Falamos co seu presidente, Celso Gándara, para coñecer os detalles e obxectivos desta nova etapa.

A nova unión das entidades de economía social de Galicia Ucetag, Ugacota e Sinerxia nace baixo o nome de Espazocoop. Por que este nome?

Queríamos que o nome servira para identificarnos co novo proxecto e, entre as cooperativas especializadas no eido do deseño, abriuse unha candidatura para que presentaran opcións. Finalmente, a cooperativa seleccionada fixo unha serie de propostas que difundimos entre os asociados e asociadas para escoller a gañadora. Espazocoop gústame porque é un nome curto e coa súa denominación realmente pretende convertirse nun lugar de encontro, que é unha das finalidades que ten a nova unión de cooperativas. Tamén servirá para visibilizarnos aínda máis, cooperar, consolidarnos e fornecer o cooperativismo.

A integración aprobouse o 5 de novembro, pero o proceso xa levaba camiñando desde hai máis dun ano, non é así?

Si, foi o Consello Rector dunha das entidades que se integra, Sinerxia, o que comezou, hai ano e media, a falar da necesidade de integrarse co resto de entidades e este ano foi o sprint final para chegar a 2017 coa integración preparada.

Vós recoñecedes que, na práctica, xa existía unha coordinación de actividades e accións entre as diferentes entidades. 

Si, a fusión foi un proceso moi natural e espontáneo porque nos órganos de goberno políticos e os equipos técnicos xa existía unha estreita colaboración. Así foi máis sinxelo todo. Quero sinalar que en todo momento existiu moita xenerosidade e altura de miras para trascender dos intereses particulares en pro do ben común.

Espazocoop vaise presentar no primeiro trimestre de 2017 e as outras entidades quedarán disoltas, pero en que data sucederá iso?

Ata o 30 de decembro coexistirán as tres unións e, a partir do 1 de xaneiro de 2017, quedará activa Espazcoop e as outras disolveranse e integraranse nesta nova unión.

Polo tanto, Espazcoop comezará a operar coa súa propia imaxe, web, oficinas, redes, etc. a partir de xaneiro.

Si. Temos este mes e medio para ultimar todos os detalles e desenvolver a imaxe corporativa. Tamén me gustaría sinalar que, máis importante se cabe que o proceso de integración, foi a aprobación na última asemblea do Plan Estratéxico para os próximos tres anos, que realmente é a folla de ruta que dá sentido a Espazcoop e inclúe os obxectivos que queremos conseguir.

Precisamente no Plan Estratéxico 2016-2020 falades de tres obxectivos principais pero, concretando, cales son esas liñas xerais, que pretendedes conseguir de aquí a 2020?

O primeiro dos obxectivos procura facer máis visible o cooperativismo, a súa incidencia política e a intercooperación entre os propios asociados e asociadas. Isto na práctica en que consiste? Como sabemos, hai unha recente aprobada Lei de economía social de Galicia e un Consello de Economía Social que está previsto constituír e desde Espazocoop queremos desenvolver un papel activo. Entendemos que nestes momentos hai que trascender o cooperativismo e falar de economía social como unha familia, desde a cal poder defender uns modelos de organización que son distintos, no que priman as persoas sobre o capital e que está demostrado que son xeradores de emprego e que, en caso de crise, resisten moitísimo mellor. Ademais, Espazocoop tamén articulará a maneira de representar os seus asociados ante a Administración. Por outro lado, a intercooperación é para nós un dos piares angulares para este periodo.Unha parte importante dos nosos asociados son pequenas cooperativas e nestes momentos o tamaño é un factor importante de sustentabilidade a longo prazo. Temos que manter todos os esforzos na creación de empresas de economía social pero, ao mesmo tempo, hai que apostar pola súa consolidación para que, dentro de tres ou catro anos, poidamos falar de fusións e integracións.

O segundo obxectivo de Espazocoop é o fortalecemento organizativo da propia unión. Temos que implementar toda a integración do equipos técnicos así como avanzar en melloras tanto de infraestruturas como de tecnoloxía para ser unha organización eficaz e eficiente.

O derradeiro obxectivo céntrase nos servizos prestados aos asociados. Neste eido, ademais de consolidar os servizos de asesoramento a creación de cooperativas, nos que levamos moitos anos de experiencia e bos resultados, queremos intensificar os servizos conducentes a fortalecer as cooperativas existentes en ámbitos como a súa comercialización, estructura económica e organizativa e a súa capacidade para dimensionarse.

No caso das fusións, considerades que é un paso clave para a sustentabilidade e o fortalecemento do sector en Galicia?

Hai cooperativas pequenas ás que a súa actividade diaria lles ocupa o 120% da súa xornada. Isto moitas veces non lles permite priorizar os traballos que lles facilitan a sustentabilidade a medio e longo prazo, como son a formación, melloras organizativas, innovación, marketing e comercialización. Ese é o gran reto, é difícil, pero é o que tamén nos están pedindo os nosos socios, que nos ocupemos deles e a súa consolidación unha vez que xa estean constituídos.

Polo tanto, do que se trata, é de que esas fusións acheguen valor engadido e posibilidades de sinerxias ás empresas de economía social.

Si. Algo que xurdiu na última asemblea que decidiu a creación de Espazocoop era a necesidade de empezar a crear grupos sectoriais. Destacaría, por exemplo, a existencia dun grupo de cooperativas da industria cultural, que aínda non é moi forte pero que xa está xerando dinámicas de cooperación entre elas e que nós queremos apoiar. Hai outro grupo de asesores e consultorías que está chamado a  ter moita relevancia e tamén queremos que as cooperativas de consumo sexan un grupo sectorial que poida ser tractor doutras empresas agroalimentarias. Queremos traballar moito desde a base e os asociados. Incluso gustaríame resaltar que, a día de hoxe,  para numerosas empresas, un dos retos actuais é a internacionalización, aínda que, no caso das nosas cooperativas asociadas, o reto é un paso anterior, é dicir, ocupar un mercado autonómico e superar o seu ámbito local e incluso saír de Galicia e estimular esa intercooperación con entidades doutros territorios de España.

É dicir, que hai empresas que queren dar un salto máis alá e superar os mercados locais.

Non é algo aínda xeralizado, pero si que hai cooperativas que queren dar un salto para chegar a novos mercados e a Unión pretende dar resposta a esas necesidades. E, para lograr esa consolidación, é necesario fortalecer a súa dimensión comercial, o seu plan estratéxico e dotarse dunhas estruturas organizativas que poidan aguantar o crecemento. Tamén é prioritario crear espazos de encontro para atopar oportunidades de negocio e medrar mantendo o espírito dos principios cooperativos. Hai que apuntalar e consolidar tanto o desenvolvemento empresarial dos negocios nos que está cada cooperativa como a parte social, os seus órganos sociais e principios cooperativos.

Esta unión integra cooperativas moi diversas. Supón iso unha dificultade ou unha vantaxe?

Nós consideramos que é unha gran vantaxe, no sentido de que cremos que se poden producir oportunidades e sinerxias de empresas de economía social de distintas clases. É máis, sentímonos moi cómodos no eido da economía social, cremos que a conxunción de cooperativas, sociedades laborais, empresas de inserción laboral, centros especiais de emprego e outras entidades é un ecosistema moi enriquecedor. Esta nova realidade pódenos dotar de múltiples oportunidades se somos capaces de articulala e estruturala. Pode ser unha oportunidade de futuro para a economía social, facendo valer o seu peso social, económico e político.

Fonte da Entrevista: Eusumo