`Premios á Cooperación´ 2026
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración convocou os Premios á Cooperación 2026.
O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a convocatoria unificada correspondente ao ano 2026 do certame Cooperativismo no Ensino e dos Premios á Cooperación, ambas iniciativas destinadas a reforzar a divulgación dos valores cooperativos entre o alumnado dos centros educativos galegos e a poñer en valor o traballo que desenvolven as cooperativas na consolidación deste modelo empresarial.
A convocatoria conta cun prazo de presentación de solicitudes aberto desde o 26 de xaneiro ata o 30 de abril de 2026.
A medida contribúe a visibilizar o papel do cooperativismo como motor de crecemento económico sustentable, que crea emprego de calidade, integrador e asentado no territorio contribuíndo a xerar actividade e a fixar poboación no rural.
Premios á Cooperación
Pola súa parte, aos Premios á Cooperación poderán concorrer todas as cooperativas galegas que destaquen pola súa traxectoria ou iniciativas, que estean ao día das súas obrigas e que non fosen recoñecidas en edicións anteriores. Igual que en anos previos —como o último, no que participaron 15 cooperativas—, establécense tres modalidades:
- Valores cooperativos
- Mellor proxecto cooperativo novo
- Traxectoria cooperativa
Cada categoría está dotada con 5.000 euros.
O premio aos valores cooperativos distinguirá á entidade que máis sobresaia na promoción dos principios cooperativos, como a adhesión voluntaria e aberta, a xestión democrática, a equidade, a solidariedade, a transparencia, a formación ou o compromiso coa comunidade. Na modalidade de mellor cooperativa nova, recoñecerase unha entidade cunha antigüidade igual ou inferior a 42 meses, que destaque polas súas achegas sociais, económicas, culturais ou ambientais. O premio á traxectoria cooperativa diríxese a entidades con máis de 42 meses de actividade e valorará aspectos como a solidez dos resultados económicos, a creación de emprego, as accións de intercooperación ou a expansión territorial.
