Micro Puntazo Exprés
Para novos emprendementos creativos no Culturgal 2019
Micro Puntazo Exprés é unha iniciativa impulsada pola Concellaría de Promoción Económica e Turismo do Concello de Pontevedra que se vai celebrar o venres 29 de novembro de 2019 durante o Culturgal, e enmárcase na experiencia do Puntazo Exprés nas diferentes edicións do Pont-Up Store: Espazo de emprendemento, promovido polo Campus CREA S2i da Universidade de Vigo, poñendo o foco nun sector económico concreto.
A finalidade deste Micro Puntazo Exprés para novos emprendementos creativos é facilitar o achegamento e o diálogo entre persoas emprendedoras e representantes de empresas e entidades galegas conectadas da economía creativa e xa consolidadas a través da presentación de 5 proxectos de novo emprendemento, cun formato dinámico e áxil.
Cada unha das candidaturas seleccionadas deberá presentar o seu proxecto en 5 minutos a un comité de “escoitantes” composto por tres/catro persoas. A presentación será pública e ao remate de cada intervención haberá dous minutos de réplica por parte de cada unha das persoas que compoñen o comité. Ao final da dinámica haberá un espazo para debatir e comentar de xeito máis relaxado os proxectos.
Pode participar no Micro Puntazo Exprés calquera persoa maior de idade que teña un emprendemento que sexa innovador, creativo e enmarcado no sector da economía creativa que leve en funcionamento menos de 3,5 anos (42 meses) ou un proxecto en fase moi avanzada de desenvolvemento con prototipos de produtos/servizos e expectativas reais de lanzamento a curto prazo.
Poden participar entidades, empresas, asociacións ou colectivos sempre que se designe a unha persoa representante que será a encargada da presentación do proxecto.
Dentro da economía creativa priorizaranse emprendementos das actividades nas que Culturgal centra fundamentalmente o seu ámbito (arte, editoriais, audiovisual,
artes escénicas, deseño, publicidade, novas tecnoloxías relacionadas, entre outras).
É preciso presentar unha proposta a través do formulario de inscrición que atoparás en https://pontupstore.com/web/gl/participa/micro-puntazo-expres.
Neste formulario solicitarase información básica da persoa responsable do emprendemento e un breve resumo do mesmo.
O prazo para a presentación de solicitudes será do día 21 de outubro ao 10 de novembro (21 días naturais), ambos incluidos.
Preme aquí para coñecer a convocatoria completa: Micro Puntazo