Certame Cooperativismo no Ensino 2026
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración publicou as bases reguladoras do do Certame Cooperativismo no Ensino.
O Diario Oficial de Galicia publicou a convocatoria unificada correspondente ao ano 2026 do certame Cooperativismo no Ensino e dos Premios á Cooperación, ambas iniciativas destinadas a reforzar a divulgación dos valores cooperativos entre o alumnado dos centros educativos galegos e a poñer en valor o traballo que desenvolven as cooperativas na consolidación deste modelo empresarial.
A convocatoria, cuxo prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto desde o 26 de xaneiro ata o 30 de abril de 2026, conta cun orzamento total de 43.000 euros por parte do Goberno galego.
A medida contribúe a visibilizar o papel do cooperativismo como motor de crecemento económico sustentable, que crea emprego de calidade, integrador e asentado no territorio contribuíndo a xerar actividade e a fixar poboación no rural.
Certame de Cooperativismo no Ensino
No que respecta ao certame Cooperativismo no Ensino, poderán participar centros de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria, educación especial, formación profesional e ensinanzas de réxime especial, tal e como ocorreu na última edición, na que tomaron parte 24 centros educativos.
O alumnado poderá presentar propostas en tres modalidades. A primeira, dedicada a actividades artísticas, está dirixida a educación infantil, primaria e educación especial. Outorgaranse catro premios e catro accésits, dotados con 2.500 e 1.500 euros respectivamente. A segunda modalidade abrangue actividades cooperativizadas para estudantes de educación secundaria obrigatoria e educación especial, e inclúe dous premios e dous accésits, tamén de 2.500 e 1.500 euros. A terceira modalidade corresponde a proxectos empresariais cooperativos, orientada a centros de formación profesional e ensinanzas de réxime especial. Nesta categoría concederase un premio de 4.500 euros e un accésit ao proxecto finalista por importe de 3.500 euros.
MODALIDADE 1: Actividades artísticas
Calquera produción artística en modalidade gráfica ou audiovisual, tal como debuxos, pinturas, maquetas, fotografías, vídeos ou calquera tipo de creación dixital, realizados de forma colectiva, en que se reflicta a posta en práctica dos valores e principios cooperativos.
4 categorías:
- Categoría A: alumnado de 2º ciclo de educación infantil
- Categoría B: alumnado de 1º e 2º de educación primaria
- Categoría C: alumnado de 3º e 4º de educación primaria
- Categoría D: alumnado de 5º e 6º de educación primaria
MODALIDADE 2: Actividades cooperativizadas
Memorias de actividades realizadas cooperativamente por grupos de alumnos ou alumnas. As actividades poderán consistir, entre outras, na creación de cooperativas escolares, organización de eventos ou festivais, obras de teatro, campionatos deportivos, xornais, páxinas web, programas de radio ou actividades de voluntariado.
- Categoría única: alumnado dos centros de educación secundaria obrigatoria e de educación especial
MODALIDADE 3: Proxectos empresariais cooperativos
Proxectos empresariais elaborados polo alumnado, baixo a modalidade de proxectos empresariais cooperativos.
- Categoría única: alumnado dos centros educativos que impartan formación profesional específica e ensinanzas de réxime especial
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I para o procedemento TR802O) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Recorda consultar a orde completa antes de facer a solicitude.

—
Fonte: Web da Rede Eusumo