Volven os Roteiros Cooperativos con datas en setembro e outubro
Tras as vacacións, volven as quendas do Roteiro Cooperativo de 2023, un xeito diferente de achegarse ás cooperativas de Santiago de Compostela, ao cooperativismo e a economía social.
A segunda edición do Roteiro Cooperativo, a iniciativa promovida por EspazoCoop en colaboración co Concello de Santiago de Compostela, continúa coas súas dúas últimas quendas deste ano:
- Martes 26 de setembro, de 16:00 a 19:00 horas
- Xoves 5 de outubro, de 16:00 a 19:00 horas
Esta actividade consiste nunha ruta guiada por Santiago de Compostela para coñecer 4 cooperativas da cidade e achegarse ao cooperativismo e a economía social. A través dela identifícanse cooperativas que están presentes no día a día da cidadanía, ao tempo que se promociona o modelo cooperativo con proxectos viables, realizando tamén un labor didáctico ao redor do autoemprego colectivo.
O aforo é limitado, as persoas interesadas poder realizar a inscrición previa nesta ligazón
Cooperativas participantes
As cooperativas que se visitarán e que participan no Roteiro Cooperativo son o cinema Númax, o centro de ioga Almazen de Yoga, a tenda de marcas culturais galegas Creativas Galegas e a escola de música Conservatorio Histórico de Santiago.