Programa de Intercooperación en EspazoCoop 2024-2025
«Exerce-la intercooperación»
EspazoCoop, co apoio da Rede Eusumo da Xunta de Galicia, promove un programa para impulsar procesos de intercooperación e estimular a práctica deste principio cooperativo fundamental que distingue especialmente a economía cooperativa e a cultura empresarial que poden exercer as cooperativas, sumando valor, diferenciándose doutras formas de economía competitivas.
Hai motivos para intercooperar
As cooperativas poden alcanzar un maior potencial mediante a colaboración práctica dunhas con outras, tanto no ámbito local como no internacional, no sectorial ou no intersectorial.
A «intercooperación» pódese implementar dende diversas perspectivas, e dende distintas fórmulas de organización.
Son moitas as experiencias de intercooperación que se teñen dado no mundo do cooperativismo e a economía social e solidaria (ESS), como un modo de funcionar natural, para alcanzar obxetivos comúns, solucionar necesidades compartidas, crear actividade económica en conxunto e xerar mercados sociais.
Obxectivos
Os obxectivos que se propón a Unión de Cooperativas coas actuación deste programa son:
- Facilitar o coñecemento mutuo das empresas participantes no programa de intercooperación.
- Descubrir temas de interese e solucións para desenvolver estratexias de cooperación.
- Tratar asuntos susceptibles de inter-cooperativizar, para favorecer tanto a xestión empresarial e societaria (financiamento, compras conxuntas, comercialización, promoción, etc.), como a innovación cooperativa (plataformas dixitais cooperativas), ou a consolidación da actividade e do emprego.
- Mostrar e divulgar boas prácticas de intercooperación.
- Estimular, dinamizar e acompañar ás cooperativas e outras entidades de ESS en procesos de intercooperación.
- Crear material de difusión e promoción para o exercicio da intercooperación.
Actividades do programa
Para fomentar a intercooperación, tanto a nivel sectorial como intersectorial e con outras entidades da Economía Social e Solidaria (ESS) a Unión de Cooperativas EspazoCoop implementa un itinerario de intervención e actuacións, mediante a realización de:
- Encontros temáticos ou sectoriais de cooperativas e outras empresas e entidades de ESS.
- Acompañamento de proxectos de intercooperación.
A quen vai dirixido?
As actividades do programa están destinadas a cooperativas e empresas de economía social, ás persoas dos órganos de goberno e persoal técnico con responsabilidades de xestión empresarial e societaria.
Axenda dos Encontros sectoriais
♦ [ Encontro 29/11/24: Sectorial Cultura, Turismo, Ocio, Patrimonio e Medio Ambiente ]
Pontevedra (Pazo da Cultura) | Venres 29 de novembro de 2024, ás 12 h. | Inscrición neste enlace
Encontro aberto da Sectorial de Cultura de EspazoCoop e de empresas de economía social na Feira Culturgal, coa participación de representantes institucionais, como o Secretario xeral de emprego e relacións laborais, Pablo Fernández, entre outros.
O encontro realízase no marco da Feira das Industrias Culturais de Galicia, que se celebra en Pontevedra do 29 de novembro ao 1 de decembro de 2024. A Xunta organiza para esta feira o Stand da Economía Social no que estarán presentes cooperativas socias do ámbito cultural promocionando os seus produtos e servizos.
—-
[ Actividades realizadas co apoio e no marco dos programas 2024-2025 da Rede Eusumo – Xunta de Galicia.]
(*) «Exerce-la Intercooperación» foi o título dunha liña formativa dentro do Programa de Formación de Cadros de Xestión da Economía Social, impulsado pola Asociación para a Economía Social, UVigo, a finais dos anos noventa.
Deja tu comentario