Formación para persoas prescriptoras, axentes impulsores do emprendemento

A Deputación da Coruña e a Unión de Cooperativas Galegas EspazoCoop no marco do convenio de colaboración 2024 entre ambas entidades para fomentar o cooperativismo e a economía social na provincia da Coruña, ofrecen para o mes de novembro o seguinte curso destinado a persoas prescriptoras de emprego e emprendemento:

Impulsando un ecosistema emprendedor no cooperativismo e a economía social

Modalidade teleformación | 40 horas | Do 4 ao 30 de novembro de 2024

Con 3 sesións virtuais de aprendizaxe os días 5, 19 e 28 de novembro, en horario de 11:00 a 12:30 horas

Os principios e valores nos que se basea o cooperativismo e a economía social, bríndannos unha alternativa positiva e contrastada para acadar unha mellor situación de acceso ao emprego. O sector da economía social ven amosando o seu carácter contracíclico e a súa resiliencia nas crises que se teñen producido ata agora. A súa resiliencia, o seren empresas centradas nas persoas e sustentadas en principios e valores é unha garantía para a creación de tecidos económicos máis resistentes e con maior capacidade.

Nesta aposta pola creación e desenvolvemento dun ecosistema emprendedor, EspazoCoop propón esta actividade dirixida ás persoas prescriptoras de emprego, como axentes de difusión e creación de empresas entre as persoas usuarias dos seus servizos.  Para achegar á cidadanía o cooperativismo, é preciso tecer alianzas sólidas coas persoas que actúan como dinamizadoras no territorio, ao tempo que favorecer a conformación de redes de cooperación entre elas, que contribúan a pór en marcha e consolidar un ecosistema favorable ao emprendemento en cooperativa.

 

Consulta o PROGRAMA DO CURSO neste enlace | INSCRICIÓN neste enlace

As prazas para este curso son limitadas.