A través do grupo cooperativo O Tendal, formado por varias cooperativas socias da nosa unión Espazocoop, chéganos esta iniciativa. Infórmate, pode interesarte, se é así amosade o voso interese nos contactos que se indican. Espazocoop fai parte do Grupo de Apoio desta convocatoria.

Se estades interesadas en facer parte neste proxecto, indicádenolo antes do 1 de marzo (ana.lorenzo@cidadania.coop ou nos teléfonos que veñen máis abaixo). Deste xeito poderemos darlle o primeiro impulso solicitando as axudas de intercooperación que están actualmente abertas.

Ánimo e Luz para a economía social galega!

O Marketplace da economía social galega

Que?

O marketplace da economía social galega é unha plataforma común de venda en liña na que entidades da economía social poñen en venda os seus produtos e servizos. Viría sendo como o Amazon da economía social galega.

O mantemento e xestión son levados a cabo por un equipo profesional especializado: técnico informático, de comunicación e marketing e de loxística para os envíos. Este equipo confórmano cooperativistas do proxecto O Tendal, Luz para os teus produtos.

Por que?

O comercio electrónico vai crecendo imparable, pero as entidades da economía social teñen dificultades para subirse a este carro e para manterse nel:

> Dificultades de investimento para articular tendas en liña.
> Dificultades para posicionar ditas tendas e captar público.
> Dificultades de loxística.
> Falta de especialización profesional e de recursos e dedicación suficientes para manter as tendas atendidas.

Un marketplace común supón economías de escala, permitindo que sexa un equipo profesional quen se encargue da xestión e actualización permantente, e optimizando os esforzos de comunicación e marketing.

Descarga ás entidades da economía social do esforzo de soster esta infraestrutura, e sostense a través de cuotas ou porcentaxes de venda, o que permite superar as barreiras de investimento inicial.

Para que?

O marketplace da economía social galega servirá para facilitar o acceso das entidades da economía social ao comercio electrónico, resolvendo de forma conxunta e profesionalizada os aspectos técnicos e os aspectos de publicidade e márketing necesarios para vender.

O marketplace incrementará as vendas das entidades da economía social, posicionandoas no comercio electrónico de forma sostible.

Pola súa parte, promoverá a visibilización do sector da economía social e facilitará ás persoas poder facer un consumo responsable.

En torno a unha ferramenta concreta de comercio electrónico, as entidades intercooperan para vender mellor. O contacto das entidades da economía social entre si (e co equipo profesional, que tamén pertence á economía social) permitirá detectar e resolver en común outras posibles barreiras para a comercialización: cuestións de comunicación, empaquetados, xestión de imaxe, etc.

Para quen?

A plataforma é un instrumento para as entidades da economía social galega. Inclúe cooperativas, sociedades laborais e iniciativas que poñen en práctica os valores da economía social: moda ética, produción ecolóxica, inclusión social, revitalización do medio rural, etc.

Estas entidades teñen moitos valores que achegar á sociedade, pero soen ter grandes dificultades para darse a coñecer, para conseguir que se valoren as súas achegas. A plataforma sitúa ás entidades no comercio electrónico e presenta o seu valor social e económico diferencial.

Para as persoas consumidoras, a plataforma facilita o consumo responsable e o apoio á economía social galega.

Como?

Para poñer a andar o marketplace da economía social galega precísase dun esforzo inicial importante.

Por unha parte, é preciso realizar os estudos necesarios para articular as formas óptimas de xestión e loxística, para enfocar a campaña de marketing e posicionamento na rede, para captar un número suficiente de produtos e servizos, que faga atractiva e viable a plataforma.

Por outra parte, require do desenvolvemento da propia ferramenta electrónica en software libre, que debe articularse con aplicacións de xestión de stock e con pasarelas de pago. Dita ferramenta debe contar cun deseño atractivo, que vincule a economía social á innovación e ao seus valores diferenciais.

Finalmente, debe contemplar unha campaña de lanzamento que a dea a coñecer e capte público en xeral e persoas dispostas a comprar a través dela.

Ademais da aposta das entidades que forman parte do proxecto e da aposta profesional das cooperativas do Tendal, buscarase o apoio da Administración Pública para facer fronte a este importante esforzo inicial, de forma que se alcance nun prazo dun ano o posicionamento e volume necesario para que o proxecto sexa sostible por si mesmo.

Nunha segunda fase (segundo ano) e en base á experiencia dos primeiros pasos, abordarase a consolidación a través da fórmula xurídica que se considere máis adecuada, sendo a de cooperativa de segundo grao unha das posibilidades a contemplar.

Quen?

Este proxecto está impulsado e coordinado polo grupo cooperativo O Tendal, creado para fortalecer a capacidade comercial da economía social galega. Forman parte del as cooperativas Ítaca Software Libre, O Cable Inglés, Xedega e Cidadanía (www.otendal.es). Este equipo encargarase de desenvolver tecnicamente o proxecto.

Como sumarse?

A forza deste proxecto virá das entidades que poidamos sumar. Pódese facer parte de diferentes maneiras:

Grupo promotor
(o corazón)
Grupo de probas Grupo de apoio
Iremos definindo a plataforma que queremos

Solicitaremos conxuntamente axudas e apoios

Prestámonos a vender os nosos produtos na plataforma Difunde o proxecto

Dedica recursos, que poden ser económicos, tempo, xestións, etc.

Tamén pode ser unha entidade da economía social que non venda produtos, pero que queira aparecer (entidades tipo A Nosa Enerxía)

Requisitos:
Ser economía social (ou practicar activamente os seus principios)Asumir un investimento económico de 200 eurosEstar habilitada para solicitar axudas públicas: ao corrente de pagos, etc.
Requisitos:
Ser economía social (ou practicar activamente os seus principios)Pagar unha % por vendas algo superior á do grupo promotor
Requisitos:
Compromiso coa economía social galega
Precisamos un mínimo de 6 e un óptimo de máis de 30 entidades Entre este grupo e o promotor, necesitamos acadar 30 entidades Todo apoio será benvido no curto prazo, pero aspiramos á autosuficiencia a medio prazo.
Quedamos á vosa disposición para calquera consulta.
Ana Rosa Lorenzo Vila
Móbil: (34) 627-570947
Tfno.: (34) 981-589269
ana.lorenzo@cidadania.coopCidadania, Rede de Aplicacións Sociais S. Coop. Galega
Rúa Corredoira das Fraguas 5-1º esq.
15.703 Santiago de Compostela (A Coruña)
redes sociales
www.otendal.es