Mulleres e Cooperativismo, conversa cunha socia de Andaina e unha socia de Aventeira

 

 

 

O cooperativismo é unha fórmula empresarial que ten a igualdade entre mulleres e homes como un dos seus principios, mais, mudou nos últimos anos a situación das mulleres nas cooperativas? Aumentou o seu peso nos consellos reitores? Para facer unha retrospectiva da evolución da igualdade no cooperativismo falamos con Miren Alonso, socia da cooperativa Aventeira, creada en 2018, e Elisa Núñez, socia da cooperativa Andaina, constituída en 1987.

Andaina é unha cooperativa de ensino que se creou no ano 1987 para xestionar unha escola infantil municipal na Coruña. No ano 2000 decidiuse ampliar o proxecto coa construción dun Colexio de educación infantil, primaria e secundaria no Concello de Culleredo. Na actualidade o centro dispón de dúas aulas por cada nivel educativo e chegará a acadar en breve os 690 alumnos e alumnas. A súa misión é a educación e formación das persoas en todos os ámbitos da vida, acompañándoas na súa aprendizaxe para ser cidadáns e cidadás comprometidas e responsables. O seu alumnado foi recoñecido en varias ocasións nos Premios do Día do Cooperativismo.

Pola súa banda, Aventeira é unha cooperativa de educación non formal e tempo libre creada en 2018. As súas actividades van dende o traballo con infancia e mocidade en centros educativos e asociacións nos eidos do xénero, mediación de conflitos, medio ambiente, cooperativismo ou xestión emocional; ata a xestión e dinamización de instalacións que contan con espazos educativos, campamentos, rutas e actividades ao aire libre, etc. E, tamén, son formadoras e formadores de monitorado de tempo libre e doutras especialidades. Foron galardoadas no 2022 nos Premios á Cooperación en Galicia polos seus valores entre os que atopamos liberdade, igualdade, xustiza social, equidade, respecto pola natureza, sustentabilidade, consumo responsable, diversidade en positivo, inclusión social, cidadanía global, identidade e lingua galega e autoorganización.

As mulleres nos procesos de creación das cooperativas

Nos seus dous casos, os primeiros consellos reitores tiveron presenza de mulleres: mentres que en Aventeira de seis persoas só unha foi muller, en Andaina as mulleres foron maioría, oito por só un home, e ocuparon os postos de liderado no CR. Mais, como foi o paso de formar unha cooperativa? Por que escollestes esta fórmula empresarial e non outras?

Elisa de Andaina: Valorouse dende o principio pois era a mellor fórmula para levar adiante un proxecto educativo de colaboración e coxestion. O proxecto xurde da necesidade de facer educación dun xeito diferente ao que se viña coñecendo e todos os pasos eran propostos, debatidos e consensuados por todas as persoas que integraban a cooperativa. A nivel burocrático foi dificultoso pero tamén hai que salientar que a Administración Pública achegaba pequenas axudas económicas para apoiar a fórmula cooperativa, pois as persoas socias da cooperativa son traballadoras, non inversoras, polo que toda axuda era benvida para poñer en marcha o proxecto.

Miren de Aventeira: O paso e crear unha cooperativa é… único. Tiñamos a idea dende hai ben de tempo, pero non nos lanzamos por ela ata que conseguimos o pulo que nos fixo falta e tamén a coincidencia de estarmos varias persoas no mesmo punto ao mesmo tempo. Foi un proceso onde aprendemos moito e ao que seguramente non teríamos chegado sen a experiencia que tiñamos moitas de nós no mundo asociativo ou militante.

– E desde o punto de vista das mulleres, cantas formaron parte dos comezos das vosas cooperativas? E na actualidade, cantos homes e mulleres compoñen a cooperativa? E no seu Consello Reitor?

Miren de Aventeira: Non levamos a conta pero foron varias as mulleres que participaron nas reunións do que despois sería Aventeira. Lanceime, finalmente, só eu. E, o ano pasado, unha compañeira, Inés, incorporouse tamén como socia, logo de ter camiñado un par de anos canda nós como traballadora. Esta cuestión ten moito que ver coa estrutura social: crear algo supón un risco, unha escolla a cegas, e esa asunción de riscos relaciónase directamente coa socialización masculina. A necesidade de seguridade e certezas adoita estar máis do lado da educación das mulleres. Tamén outras cuestións están por detrás, como a situación económica, pero o xénero dende logo é un elemento que non se pode obviar.

Elisa de Andaina: Andaina é unha cooperativa na que as mulleres somos maioría e ocupamos os postos de liderado no CR. Ao principio integraban a cooperativa 8 mulleres e un home e na actualidade somos 15 mulleres e 2 homes. O noso Consello Reitor está composto por 2 mulleres e 1 home. Ademais no Equipo directivo son dúas mulleres.

– E como muller, como foron os vosos principios no cooperativismo? 

Miren de Aventeira: Cando creamos Aventeira reunímonos con diferentes cooperativas para que nos contaran a súa experiencia. A maior parte das reunións tiveron lugar con mulleres que nos dixeron todo o que lles estaba a cambiar a vida terse embarcado nun proxecto así. A cooperativa permítenos saír da zona de confort aos poucos, coordinar e seguir, ensaiar fórmulas novas de conciliación, tomar decisións, partir sempre da igualdade salarial, aprender cada día e tamén dar con estratexias para enfrontarnos, tanto dentro coma fóra, ás discriminacións por razón de xénero que, con máis ou menos visibilidade, permean as nosas vidas.

Elisa de Andaina: Todo un reto, profesional e persoal. Unha forte aprendizaxe do que supón o apoio e a axuda mutua, que marcou a miña vida á hora de superar obstáculos e asumir novas aventuras. Unha experiencia que amplía a confianza nos demais e a seguridade nun mesmo.A famosa “sororidade” existía para nós antes de que soubéramos o seu nome. A empatía, os coidados e os debates para chegarmos a acordos forman parte da nosa esencia. Que sexamos partícipes e co-responsables nas decisións, no establecemento das condicións laborais, no obxectivo común de avanzar e mellorar co proxecto permíteo a fórmula cooperativa. Compartir os bos momentos polos que pasa un proxecto ao longo de tantos anos é fantástico pero nós sabemos que este proxecto sobreviviu a grandes crises económicas grazas a que a responsabilidade é compartida e que todos remamos na mesma dirección.

 

Actualidade e evolución das mulleres nas cooperativas

Andaina e Aventeira están separadas por máis de trinta anos pero coinciden nunha concepción feminina do cooperativismo. Segundo Miren de Aventeira, “Unha das cousas que máis nos chamou a atención é que, no cooperativismo, non existe unha infrarrepresentación feminina tan potente como noutras fórmulas empresarias. Creo que o feminismo ten que ver co feito de espallar outras formas de organizarse, de construír en común e de traballar, e que a fórmula cooperativa, adaptada ás necesidades das persoas socias, permite profundar nese modelo e por iso ten sentido que as mulleres estean a ter un protagonismo indiscutible nesta fórmula económica”. Pola súa banda, Elisa de Andaina salienta que “non sei a nivel xeral, pero na nosa cooperativa sempre estiven arrodeada de loitadoras, bravas e moi intelixentes, tanto emocional como empresarialmente”.

Ambas cooperativas teñen implantadas políticas de xénero que evolucionaron desde os seus comezos. No caso de Andaina, “Dende a nosa creación existiu equidade e empoderamento do colectivo feminino para optar a postos de maior responsabilidade. Sempre houbo igualdade laboral e económica. Foise avanzando co tempo, na promoción de medidas de conciliación da vida profesional e familiar tanto para homes como mulleres, sendo unha organización familiarmente responsable. Temos establecido criterios de xénero en relación a traballos socialmente vinculados con mulleres e intentamos que o alumnado vexa que hai limpadores (homes e mulleres), axudantes de cociña (homes e mulleres), ou que hai mestres de infantil (homes) aínda que non resulta sinxelo atopalos, esa é a realidade. Por contra, na etapa de Secundaria tentamos reforzar o rol das mulleres en ámbitos de coordinación e liderado pois a presenza masculina adoita ser predominante”, sinala Elisa.

Mentres tanto, Aventeira evolucionou de cooperativa xuvenil a cooperativa ordinaria hai uns anos, “ninguén na cooperativa ten fillos ou fillas, aínda que comezamos a ter algunha carga familiar e estamos preparadas para cando isto aumente. Imos adaptándonos ás necesidades das persoas socias en cada momento, máis, en calquera caso e polo de agora: temos só nove horas de horario obrigatorio á semana, o resto é flexible; priorizamos os compromisos persoais por riba dese horario e para marcar xuntanzas e participación en proxectos; establecemos os momentos presenciais con varios meses de antelación para favorecer a organización; damos un período de seis meses no ano seguinte para compensar horas feitas de máis ou de menos ou vacacións, etc. E estamos agora mesmo enfrascadas na tarefa de sacar adiante un plan de igualdade que nos permita facer unha mellor diagnose e un establecemento máis coidado das pautas e normas que permitan seguir avanzando no camiño da igualdade”, apunta Miren.

 

O futuro das mulleres nas cooperativas

Aínda que o pasado e o presente do cooperativismo ten a igualdade como un dos seus valores e principios, aínda queda camiño por percorrer.

– Cales son os pasos a seguir para que as mulleres sexan máis recoñecidas polo seu labor nas cooperativas? Como vedes o futuro das mulleres nelas?

Elisa de Andaina: A divulgación nos medios dende logo é fundamental. As administracións públicas deberían apoiar e reforzar este tipo de labor, promovendo a presenza feminina nos encontros públicos (con empresarios, con sindicatos, entre organismos públicos, etc). Todas sabemos que nalgunhas organizacións (empresas, partidos políticos, organismos públicos), hai moitas mulleres xestionando e liderando na sombra, preparando discursos e estratexias para que logo sexan eles os que luzan na foto.

No noso caso, a porcentaxe de mulleres na cooperativa é elevada e tamén as que lideran e asumen postos de responsabilidade. Pero dispoñemos de datos como o estudo realizado pola Asociación “Nós, As Mulleres” sobre a presenza de mulleres nas cooperativas do Agro, por exemplo, que demostran o lonxe que estamos da ansiada igualdade de oportunidades en postos de responsabilidade. As mulleres socias das cooperativas do agro representan o 45% (case a metade que homes), pero tan solo dúas de cada 10 asumen postos de responsabilidade nos C. Reitores.

Vemos o futuro como un lugar idóneo, que por enriba irán modelando dun xeito colectivo e responsable, mágoa que sexa tan pouco coñecido e promovido.

Miren de Aventeira: Creo que é unha oportunidade visibilizar as características dunha fórmula que, coido, permite máis liberdade de acción para as mulleres. En Aventeira falamos moito da importancia de achegar os xeitos de emprender de xeito social en cooperativa aos centros educativos. Nós chegamos aquí porque, moitas de nós, viñamos do asociacionismo e tiñamos experiencia en crear en colectivo e sacar adiante o “papeleo”. Sen familiarizarse con esas cuestións é difícil ter a autoconfianza para lanzarse a este reto e velo, realmente, como unha alternativa e unha forma de vida. Habería que traballalo en profundidade e achegarse á rapazada.

Vendo as novas cooperativas que se están a crear e a forza que traen as mulleres mozas, estamos seguras de que hai futuro. Ao final, o “porque foron somos e, porque somos, serán” é un lema ben acertado.

– E por rematar, que tres razóns daría a unha muller para constituir unha cooperativa?

Miren de Aventeira: É un modelo que permite traballar doutra maneira e decidir doutra maneira, é un modelo co que ser máis libre. Ademais, é unha fórmula que pon ás persoas por diante, polo que as necesidades de conciliación, de motivación ou de formación van atenderse. E é un tipo de organización que permite asumir novos retos aos poucos, no que empoderarse e aprender a coordinar sen a tensión que nos provoca a asunción de liderados clásicos. Permite demostrar que outra forma de soster procesos e equipos é posible

Elisa de Andaina: Crecemento persoal, solidariedade pura e satisfacción por conseguir un ben común.

Moitas grazas! polo voso tempo Miren e Elisa.