El Camino ESS | Experiencias turísticas de economía social y solidaria en Galicia
Hai un ano presentábamos ás nosas asociadas o proxecto EL CAMINO ESS (O Camiño da Economía Social e Solidaria) coa intención de conectar o proxecto con cooperativas interesadas en participar nesta iniciativa de turismo alternativo e responsable, que hoxe, podemos dicir que ofrece experiencias turísticas que impulsan e visibilizan proxectos de economía social e solidaria nos 5 territorios de EL CAMINO ESS: Cataluña, Aragón, Rioja, Castilla y León, e Galicia.
EL CAMINO ESS identificou e seleccionou as propostas máis acaídas para realizar a súa pilotaxe e crear experiencias turísticas en Galicia. Mediante un proceso de traballo participativo foron avanzando na elaboración dos produtos para ofrecer un turismo alternativo e responsable.
Os cinco territorios de EL CAMINO ESS publicaron os seus resultados, tamén Galicia, entre as cinco CCAA xa son máis de 180 iniciativas interesadas en formar parte e poder ofrecer experiencias turísticas como complemento á actividade principal dos seus negocios.
En Galicia, en Allariz, tivo lugar un encontro de presentación de resultados a finais de xaneiro, aquí están vinculadas 40 iniciativas e ata o momento están sendo probadas un grupo delas na plataforma web que se creou para visibilizalas, coñecer o proxecto, e poder xestionar a reservas en liña dos produtos turísticos.
As experiencias en Galicia son varias, e destacamos que o sector cooperativo e algunhas das nosas socias están presentes nesta interesante iniciativa:
- Milhulloa | visitas agroalimentarias e ecoturismo, Palas de Rei
- Cuarzo Verde | visitas á Illa de Tambo, Montes de Redondela, ou as Illas Atlánticas | Vigo
- Labrecos | horta circular ecolóxica e rexenerativa, con actividades para a infancia | Cesuras
- Xeitura | visitas guiadas a Ribadavia, Ourense, Santa Mariña de Augas Santas ou Allariz | Ourense
- Espaço Vivo | experiencias de agricultura, arte e gastronomía vegana | Redondela
- Das Aradas | hospedaxe, arte, natureza, e paseos ilustrados | Guitiriz
- 13 Grados | snorkel nas Illas Cíes | Vigo
- Ameixoeira e A Talangreira do Beque | únense para ofrecer conxuntamente unha visita á explotación de cabras, taller de queixo, e unha experiencia gastronómica | Moaña
Todas elas son experiencias turísticas sostibles que dinamizan o territorio, e a creación das redes que impulsa EL CAMINO ESS son para resaltar, así como o potencial dun turismo alternativo en zonas rurais.
Plataforma web EL CAMINO ESS: Se queres coñecer máis experiencias e o proxecto, pódese visitar a súa web.
«El Camino ESS» foi executado en cinco territorios polas organizacións: REAS Galicia, «L´Olivera» (Cataluña), Reas Aragón, «El Colletero» (A Rioxa), e «Centro de Desarrollo Rural Carrión de los Condes» (Castela e León).
[A Unión de Cooperativas Galegas EspazoCoop fai parte de REAS Galicia]
—
—