Cinco socias de EspazoCoop, recoñecidas nos Premios do Día do Cooperativismo Galego

 

O pasado 1 de xullo celebrouse o Día do Cooperativismo Galego, no que foron recoñecidas Alén S. Coop. Galega co Premio aos Valores Cooperativos, Enraizando S. Coop. Galega co Premio ao Mellor Proxecto Cooperativo, Ferrolana de Profesores de Autoescola, COFEPA S. Coop. Galega co Premio á Traxectoria Cooperativa, o Colexio cooperativo Mendiño co Accésit da modalidade de Proxectos Empresariais Cooperativos e a Cooperativa de ensino Luis Vives co Accésit da modalidade Actividades Cooperativizadas

Este sábado tivo lugar na sede da cooperativa Agroflor, a celebración do Día do Cooperativismo Galego, unha data que conmemora os valores do cooperativismo e recoñece a súa contribución a unha economía galega sustentable e igualitaria. Este acto foi presidido pola conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo.

Ademais de conmemorar todo o que cooperativismo representa e a súa aportación, nesta data tamén entregáronse os Premios á Cooperación 2023, que nesta edición recoñeceron a tres cooperativas socias de EspazoCoop, Alén S. Coop. Galega, Enraizando S. Coop. Galega e Ferrolana de Profesores de Autoescola, COFEPA S. Coop. Galega, ademais de dous centros escolares asociados á Unión, o Colexio cooperativo Mendiño e a Cooperativa de ensino Luis Vives.

 

Premio aos Valores Cooperativos – Alén S. Coop. Galega

Alén S. Coop. Galega foi recoñecida co Premio aos Valores Cooperativos. Constituída en novembro de 2020, en Alén están especializadas en consultoría estratéxica en sostibilidade, axudando a integrala como vantaxe competitiva nas organizacións. Achegan solucións operativas e innovadoras, as mellores prácticas e as ferramentas máis eficaces a PEMES, administración pública e outras entidades locais. Os valores que rexen en Alén son:

  • Ambición, entendida como aspiración a emprender con propósito: cambiar o paradigma de crecemento económico polo modelo de desenvolvemento sostible compartido.
  • Resiliencia e vontade, adaptación ao contexto e as necesidades dos grupos de interese para atopar oportunidades onde a contribución ao desenvolvemento sostible e o éxito do negocio retroaliméntanse.
  • Personalización, cun enfoque de consultaría «artesá» ou boutique, onde non se forzan as solucións á clientela, senón que se desenvolven solucións a medida baseadas no coñecemento e experiencia.
  • Compromiso e corresponsabilidade, dentro e fóra de Alén.
  • Diversión e creatividade. Sen deixar de cultivar a curiosidade porque os desafíos de hoxe necesitan de imaxinación e motivación.

Para Alén é importante o que fan e como o fan, e como cooperativa especializada en sostibilidade fan todos os esforzos para non só dar resposta ás necesidades da clientela, senón que no propio deseño e execución dos proxectos se integre esa visión: poñer as persoas no centro, escoitar e dar voz aos grupos de interese, buscar o impacto local en termos de sostibilidade social, ambiental e económica. O fan desde o corazón, porque é o que de forma natural está en liña coa súa visión do que é a sostibilidade e do seu proxecto vital, pero tamén desde a razón, aportando rigor, capacidade analítica e impacto dende o deseño. 

 

Premio ao Mellor Proxecto Cooperativo – Enraizando S. Coop. Galega

Enraizando S. Coop. Galega reicibiu o Premio ao Mellor Proxecto Cooperativo. Esta cooperativa estivo e estará sempre focalizada a procesos de saúde mental e benestar das persoas e grupos. Ao comezar a vivir en Ribeira, comprobaron que os recursos cos que contan as persoas con sufrimento psíquico son escasos e non accesibles economicamente para toda a poboación.

Así naceu ou proxecto do Equipo de Apoio Social e Comunitario (EASC), un proxecto acorde aos seus ideais, onde pon non centro as persoas e non a outros intereses ou alianzas. O EASC ofrece atención psicosocial e acompañamento terapéutico de xeito gratuíto na contorna das persoas (domicilio e espazos da comunidade dás persoas) en calquera etapa do seu ciclo vital e normalmente en momentos de vulnerabilidade, traballando en rede e en equipo. Na actualidade o servizo é desenvolto no concello de Pobra do Caramiñal, grazas ao financiamento de dito concello. Durante un ano foi levado a cabo no concello de Ribeira a través do fondos europeos e tamén uns meses non concello do Rianxo.

Os obxectivos de Enraizando actualmente pasan por darlle continuidade e estabilidade ao servizo que teñen en marcha xunto a mellorar a atención que ofrecemos. E pola outra banda, comezar a materializar outros proxectos que teñen estruturados e traballados relacionados coa arte e saúde, e coa formación na saúde mental a profesionais, entidades, cidadanía…

 

Premio á Traxectoria Cooperativa – Ferrolana de Profesores de Autoescola, COFEPA S. Coop. Galega

Ferrolana de Profesores de Autoescola, COFEPA S. Coop. Galega recibiu o Premio á Traxectoria Cooperativa. A primeira cooperativa de traballo asociado en España foi creada nos anos 70, en tempos de Franco, o que non foi nada sinxelo. Por unha banda, abrir unha autoescola foi complicado xa que a patronal por aquela época controlaba as aperturas impedindo practicamente a obtención do título de dirección aos que non fosen membros da mesma e era imprescindible para unha nova apertura.

Inicialmente foron 12 profesores de Autoescola que estaban a traballar noutras empresas que se xuntaron con 3 socios (ficticios) para poder constituír a cooperativa, posto que os estatutos esixían un número mínimo de 15 socios. Para poder orquestrar todo, tíñanse que reunir mediante xuntanzas clandestinas xa que naquela época non se podían organizar reunións de máis de 5 persoas. A Cooperativa empezouse a xestar no ano 1972 e non apareceu de maneira oficial no BOE ata o ano 1974 e ata o ano 1977 non se puido exercer a actividade, que foi nese ano cando a Cooperativa absorbeu a Autoescola a Moderna (1964).

Estes 12 profesores “asalariados” de diferentes Autoescolas de Ferrolterra, decidiron, debido sobre todo as súas precarias e inxustas condicions laborais, agruparse baixo o abrigo do cooperativismo, en busca dun traballo e un salario digno. Elixiron o cooperativismo porque era algo novidoso no momento e déronse conta que os valores que tiñan as sociedades cooperativas iban na liña dos pensamentos daqueles profesores, que co seu apoio e esforzo mutuo poderían darlle resolución os problemas comúns que tiñan como traballadores asalariados.

 

Certame Cooperativismo no ensino – Colexio cooperativo Mendiño e Cooperativa de ensino Luis Vives

O Colexio cooperativo Mendiño foi recoñecido co Accésit da modalidade de Proxectos Empresariais Cooperativos polo seu proxecto de emprendemento Sail2day, mentres que a Cooperativa de ensino Luis Vives recibiu o Accésit da modalidade Actividades Cooperativizadas polo seu proxecto Vivir do Conto.

Sail2day está centrado no outlet de produtos do sector naval e pesqueiro reacondicionados e de segunda man a prezos reducidos, aínda que contan con pezas de primeira man, permitindo aos axentes do sector axilizar as relacións comerciais, dixitalizar o sector e darlle valor comercial a equipamentos e maquinaria almacenados como chatarra que actualmente ten un valor entre 50.000 € e 1.000.000 €; e o valor que aportan a quen compra é adquirir equipamentos, maquinaria e repostos a prezos máis reducidos, acurtar os prazos de recepción de repostos e diminuír os prazos de reparación dos buques. Por último, afianzamos o compromiso do sector coa diminución da pegada de carbono e extracción de ferro.

O proxecto xurdiu da presentación de Paola Bar, docente do centro, dos retos do sector naval e pesqueiro de Vigo así como dos obxectivos de desenvolvemento sostible que desperta o interese no equipo promotor vinculado co sector por lazos familiares o aficións náuticas. O obxectivo agora é buscar compromiso e financiamento a través dunha rede de contactos de amardores e talleres navais.

Pola súa banda, Vivir do Conto é un proxecto que consiste na creación de códigos QR por parte de alumnado de 2º ESO, no que van inmersos audio-contos coas voces de alumnado e familiares de alumnado doutros cursos do centro. Posteriormente ofertouse ao CHUO (Hospital Universitario de Ourense) a opción de compartir esta iniciativa, de tal xeito que nas salas de espera e mesitas das habitacións da planta infanto-xuvenil conten con este sinxelo sistema que facilita que os familiares dos nenos-as hospitalizados sempre teñan esta opción.

É fácil ter un conto en papel ou a posibilidade de audio contos ou contos en dixital; pero non é tanto que nenos-as pequenos que desexan que alguén lles conte un conto antes de durmir o escoite de voces de nenos-as ou familiares, facilitando o descanso aos seus propios familiares. O CHUO facilitará que o proxecto sexa levado á realidade o antes posible e incluso adiantaron a opción de poder levalo a cabo nos centros de saúde da provincia.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.