Agruparse sectorialmente, unha forma de colaboración: Asesorías e Consultorías

A Unión de Cooperativas EspazoCoop, é unha asociación de cooperativas, sen ánimo de lucro, de ámbito galego, integrada por cooperativas de distintas clases, inspirada nos principios cooperativos e os seus valores e que ten como obxectivo: agrupar, representar, impulsar, fomentar a intercooperación e defender os intereses das súas cooperativas socias e das persoas que as constitúen, así como a divulgación, fomento e consolidación do cooperativismo, como ferramenta de desenvolvemento socioeconómico, no marco da economía social e solidaria.

 

A Liña Sectores é un dos eixos da acción da Unión de Cooperativas EspazoCoop en Galicia. A creación e a organización de Sectoriais coas socias responde ao obxetivo de que a Unión favoreza a interrelación e os grupos de traballo independentes daquelas cooperativas que se poden agrupar polo tipo de sector e pola actividade que realizan.

As sectoriais de EspazoCoop reúnense regularmente para coordinar actuacións en catro sectores: Asesorías e Consultorías, Ensino, Consumo, e Cultura. Entre os seus fins está fortalecer os procesos de sectorialización da entidade, procurar unha intermediación especializada e incrementar a interlocución nos eidos específicos de cada sectorial, reforzando a identificación de demandas e liñas de actuación específicas.

 

Que obxetivos busca?

No que respecta á Sectorial de Asesorías e Consultorías as cooperativas comparten e lles unen os seguintes obxetivos e compromisos:

  • Crear rede, para facilitar o coñecemento mutuo e a creación de espazos de colaboración e co-creación.
  • Xerar e impulsar iniciativas de intercooperación. Aínda que a intercooperación excede ós límites da sectorial e abrangue a todas as cooperativas de EspazoCoop, a nosa sectorial pode xogar un papel fundamental impulsando, dinamizando e materializando os procesos e proxectos de intercooperación.
  • Desenvolver oportunidades comerciais dende a complementariedade dos servizos das cooperativas ou dende a especialización.
  • Brindar información e formación respondendo ás necesidades específicas dos ámbitos das entidades consultoras.

 

Un grupo de traballo formado por 20 cooperativas, quenes son?

As cooperativas desta Sectorial están presentes en diversos territorios da comunidade e operan en ámbitos da consultoría como a asesoría e consultoría empresarial, a consultoría social, de proxectos, comunitaria, formativa, o mentoring, a economía social, a sostibilidade, a economía circular, a comunicación, o ámbito marítimo, ou a consultoría científica, entre outras posibles.

Cooperativas que compoñen a Sectorial de Asesorías e Consultoras no ano 2023:

50pés Consultoras Asesoramento e Formación // Abeluria Consultoría e Formación

ACR Asesoría integral de empresas // Alén Economía Circular e Sostibilidade

Algalia Asesoría, Consultoría e Formación // Apoio Consultoría e Formación

Ardora Formación e Consultoría, sector do mar // Cidadanía Consultoría Social

Cerne Asesoría de empresas // Dalle que Dalle  Consultoría e Formación, innovación social sostible

Fylsem Asesores Asesoría // Gálica Consultoría e Formación

Limia Xestión Asesoría e Consultoría // Mareira Bizi Consultoría e Formación, sector científico e tic

Medatlantia Consultoría europea // Praxxis Inclusión Consultoría, Formación e Mentoring

Simbiosis Formación // Tagen Ata Formación

Xedega Asesoría e Consultoría  // Xiama Asesoría e Consultoría

 

A Marca ExpertCoop

Para ilustrar o potencial que xurde destes agrupamentos, unha das accións promovidas polas cooperativas da Sectorial foi a creación a finais de 2020 da Marca ExpertCoop – asesoramento experto para cooperativas- de EspazoCoop. Este proxecto creouse para dotar de prestixio e comunicar a calidade e solvencia dos servizos de xestión e asesoramento que se prestan ás empresas cooperativas, que conta con particularidades e especificidades non sempre coñecidas e polo tanto non incluídas na atención convencional.

As cooperativas da Sectorial ACR, Algalia, Xedega e Xiama foron as impulsoras desta marca xunto a Unión, elas están adheridas a ExpertCoop, con elo buscan garantir a calidade dos servizos de asesoramento e xestión en asuntos fiscais, contables, laborais e xurídicos que se prestan a empresas cooperativas, teñen que cumprir un conxunto de calidades e requisitos da marca que fai que podan identificar os seus servizos como ExpertCoop, autopublicitándose no mercado con este distintivo de pertenza ao grupo.

Facer parte da Sectorial Asesorías e Consultorías

As cooperativas asociadas de EspazoCoop que manifesten interese poden facer parte da Sectorial de Asesorías e Consultorías, adherirse a ela para participar formando parte das canles comunicativas e informativas do grupo (listas de distribución de correos e grupo de whatsapp) e asistir aos dous encontros que se programan cada ano.

De forma proactiva, ademáis a Unión identificará a todas as cooperativas da asociación con CNAEs proclives ou que se consideren que teñen actividades compatibles coa Sectorial, que serán invitadas a participar e/ou a formar parte da Marca ExpertCoop se cumpren os requisitos.

A dinamización e xestión da Sectorial está a cargo de Teresa Balado Barciela dende o equipo técnico da Unión, por outro lado, a responsable da Sectorial no Consello Reitor é Claudia Rodríguez, Vogal neste órgano. Segundo Claudia Rodríguez, a Sectorial “é un espazo colaborativo para pór en común necesidades, oportunidades e proxectos.”

Entre as vantaxes que reporta estar na Sectorial, Claudia explica que “permite acceder a información actualizada ligada ás actividades de consultoría e asesoría, así como o traslado de necesidades e problemáticas específicas permitindo que EspazoCoop sexa unha asociación que crea valor para as cooperativas socias. Participando en espazos como as sectoriais, construímos canles de comunicación multidireccionais: coñecemos as nosas cooperativas, recibimos información relevante e tamén facemos visibles as nosas necesidades. Ademáis facilita a creación de redes, mellora o coñecemento das cooperativas que traballan no mesmo eido e establecemos relacións para xerar iniciativas e proxectos conxuntos.”

Claudia Rodríguez comenta que, no que respecta aos proxectos e liñas de acción que se impulsan actualmente “a sectorial é nova e moi diversa polas actividades que agrupa, xa se impulsaron accións ligadas a diferentes iniciativas no marco de proxectos e liñas de axuda como o Bono Consolida ou o programa piloto ES Mentoring, nos que as cooperativas da sectorial participaron activamente, se ben son abertos a outras cooperativas. Actualmente estase traballando en nese caldo de cultivo para a intercooperación, que a medio prazo poderá cristalizar en proxectos colaborativos que permitan as cooperativas de EspazoCoop estar posicionadas para aproveitar as oportunidades que van a xurdir na Economía Social”.

A Unión de Cooperativas EspazoCoop anima ás súas socias a integrarse na Sectorial e participar activamente nesta agrupación para facer dela un espazo dinámico e efectivo.

Contacto

Para máis información e dúbidas contactar con Teresa Balado Barciela, no correo teresa@espazo.coop e no teléfono 986 866 149.