EspazoCoop celebra a Asemblea 2019 e homenaxea ás socias con máis de 30 anos

A Unión de Cooperativas Espazocoop celebrou a súa Asemblea anual o 5 de xuño, no marco da xornada que celebrou o recoñecemento a Galicia como Rexión Amiga da Economía Social 2019 por parte da Comisión Europea, designación que impulsou o Foro pola economía social Galega xunto coa Xunta de Galicia.

Espazocoop asocia xa a 206 cooperativas e a 2.464 cooperativistas, que se sitúan no ámbito dunha cultura de traballo basada en valores, nunha xestión democrática, e nas persoas. Conta con 2 sectoriais, a Sectorial de Cooperativas de Ensino e a Sectorial de Cooperativas do ámbito Cultural, e ten abertas 3 oficinas: en A Coruña, Santiago e Vigo.

Espazocoop recibiu na súa Asemblea anual a máis de 80 persoas e a 47 cooperativas. Tino Gago Conde, Xerente da Unión, realizou a presentación dos asuntos a tratar, estando acompañado por membros do Consello Reitor, Celso Gándara, presidente; Miguel Filgueira, vicepresidente e Isabel García, vogal.

A Memoria da xestión social 2018 deu conta do traballo desenvolvido en 2018 e da xestión económica, destacando áreas de actuación como:

1| A difusión e promoción do cooperativismo: con máis de 852 beneficiarias, 25 entidades colaboradoras e 35 intervencións.

2| A creación e consolidación de cooperativas: con 48 proxectos pre-cooperativos atendidos, 21 cooperativas constituídas e 178 beneficiarias.

En canto á consolidación de cooperativas en funcionamento, destacan por un lado, as actividades de intercooperación entre organizacións que buscan colaboracións, alianzas e xerar negocio; e por outro lado, o asesoramento, a formación e o acompañamento ás cooperativas, a través de distintos programas que procuran o crecemento e desenvolvemento empresarial (Meetings de Economía Social, Bolsas de Xerencia, Aceleradora de Proxectos, Servizo de Finanzas Éticas, Servizo de Orientación e Apoio na Xestión, ou Formación).

3| Representatividadee influencia política: as relacións institucionais, con axentes sociais, redes e colaboradoras, destacaron por traballar as demandas da base social e do sector cooperativo, e representar a socias e ao cooperativismo en xeral, a Estratexia pola Economía Social Galega e a presentación da creación do Foro pola Economía Social Galega son algúns dos fitos en 2018.

4| Comunicación: que continúa implementando medidas dos plans establecidos, e continúa con presenza continuada en distintas canles.

MEMORIA SOCIAL 2018 

A asemblea de cooperativas aprobou os informes presentados de 2018 e o plan de xestión 2019; a modificación estatutaria sobre a composición do Consello reitor; a constitución formal do Foro pola Economía Social Galega do que fai parte xunto as entidades máis representativas da comunidade: Aesgal, Agaca, Aeiga e Cegasal; e tamén aproba, a posta en funcionamento dun servizo de aval económico para cooperativas socias.

Este ano ademais, un dos puntos centrais da Asemblea foi a celebración de eleccións ao Consello do que resultaron cambios, un novo equipo de consello formado por 9 cooperativistas, e con cambio na presidencia, saíndo electa Ana Olveira Blanco (Abeluria s. coop. galega). Completan o consello:
– Miguel Filgueira, vicepresidencia (Adigna s. coop. galega)
– Zoilo Formoso, secretaría (Seragro s. coop. galega)
– Celso Gándara, vogal (Algalia s. coop. galega)
– Emilia Candal (Urdime s. coop. galega)
– Isabel García (Xedega s. coop. galega)
– Pilar Lozano (Enérxica s. coop. galega)
– Pablo Álvarez (Nosa Enerxía s. coop. galega)
– Ana Otero (Guillelme Brown s. coop. galega)

Neste punto, Espazocoop agradece a Celso Gandara, presidente os últimos dous anos e medio, o seu intenso labor, a implicación e adicación á Unión para afrontar os retos que ten como a maior organización do movemento cooperativo galego (en canto a número de asociadas).

Ao finalizar a Asemblea, quíxose facer un recoñecemento público para tódalas cooperativas socias cunha traxectoria de 30 anos ou máis, que son un exemplo e unha mostra da forza das empresas cooperativas e de como son un modelo que, polas súas características, aguanta mellor que outros aínda en tempos de crise. Para esta última parte acompañounos o presidente da Confederación Empresarial Española de Economía Social (Cepes) e de Social Economy Europe, Juan Antonio Pedreño; Carmen Comos, Directora de Cepes, e Covadonga Toca Carús da Secretaría Xeral de Emprego da Xunta de Galicia, que fixeron entrega dun agasallo ás cooperativas homenaxeadas realizado por Anacos de Vidro s. coop. galega.

COOPERATIVAS SOCIAS 30 ANOS

Para máis información sobre a Asemblea, contacta coa Unión de Cooperativas EspazoCoop.

Fotos: Cooperativa Cal3 Fotografía

Imaxes da Asemblea da Unión de Cooperativas EspazoCoop e da xornada ‘Galicia Rexión Amiga da Economía Social 2019’

 

El pase de diapositivas requiere JavaScript.