ENRAIZAR NAS PERSOAS : Xornadas sobre Cooperativismo e Consumo Responsable
A iniciativa está impulsada dende EspazoCoop e a cooperativa de consumo responsable Zocamiñoca que pretenden promocionar fórmulas e proxectos para un consumo responsable xurdidas dende o sector da economía social e o cooperativismo en concreto.
As xornadas buscan dar a coñecer distintas entidades, plataformas, produtos e servizos e o impacto que xeran como alternativas de consumo, na creación de emprego e no seu mantemento. A cita é o sábado 30 de novembro e o domingo 1 de decembro no Centro Cívico Monte Alto e no Campo da Leña, respectivamente, na cidade da Coruña.
Abrir o debate e reflexionar sobre cales son os principais retos do consumo responsable, se todo o que se nos presenta como ecolóxico é ambiental e sostible, identificar que podemos facer as consumidoras/es para asegurarnos de que os nosos actos de consumo son responsables e benefician á nosa contorna, ou como participar en procesos de decisión sobre consumo de produtos e bens de necesidade cotiá, son preguntas, entre outras, que nos faremos neste evento.
Acceso libre, previa inscrición á xornada (ás actividades do día 30) aquí
Programa de ENRAIZAR NAS PERSOAS, xornadas de CONSUMO RESPONSABLE
As xornadas iniciarán a partir das 11.00 h. co acto de Inauguración, que contará coa participación do Concello da Coruña -entidade financiadora, coa que Espazocoop ten un convenio de colaboración en materia de cooperativismo e economía social-. En representación de Espazocoop – entidade organizadora-, Tino Gago xerente da Unión. E en representación de Zocamiñoca -entidade colaboradora-, Yolanda Sánchez.
As xornadas contarán na súa Programación do SÁBADO coa participación dunhas 12 organizacións, que estarán nas distintas intervencións, mesas de debate, obradoiros, e actividades lúdicas previstas, como a charla de Zocamiñoca 10º aniversario; a mesa das Redes que escalan cambios : con Subbética Ecolóxica iniciativa agroalimentaria andaluza, e coa Rede Galega de Educación e Desenvolvemento do Rural.
Á tarde, continuará ás 17.00 h. coa mesa O Plan Alimentario nas Mariñas Coruñesas 2014-2022: co Xerente da Reserva da Biosfera Terras do Mandeo e Mariñas Coruñesas; a Asociación e Escola Infantil A Caracola de Novo Mesoeiro; e a Escola de Agricultura Ecolóxica Raíña Paraíso de Vilasantar.
A partir das 18.30 h. na mesa Cooperativismo de consumo falarán: Árbore Consumo Consciente; Panxea Consumo Responsable; Nosa Enerxía; Zocamiñoca Consumo Responsable; Bico de Grao e Mercado da Terra.
Ademais, organizaranse actividades en Obradoiros:
- ‘Empoderamento fiscal e económico’, dinamizado por Étikas (previa inscrición) | No Centro Municipal de Empresas Accede Papagaio, de 17 a 18.30 h.
- ‘Experimentación sobre coidados en saúde’, dinamizado por unha Médica de Familia (previa inscrición) | No Centro Municipal de Empresas Accede Papagaio, de 18.30 a 20 h.
Dentro da programación do evento está previsto un Espazo de conciliación de 11-14 h. e de 17.30 a 20 h., destinado aos máis pequenos e pequenas (previa inscrición).
E para rematar a xornada do sábado está previsto un Monólogo a partir das 20.30 h. na Cervexería Artesá Caneca Furada, acompañado cun pincho de cortesía elaborado por produtores da cooperativa de consumo Zocamiñoca.
Para o DOMINGO e só en horario matinal, as actividades cambian de escenario, trasladándose para o Campo da Leña, que a partir das 11 h. acolle o Mercado Ecolóxico; unha Mesa de Consumo Responsable – con grupos de consumo da provincia da Coruña-; e unha Sesión Vermut acompañada coa música de Sofía Espiñeira para festexar o 10ª aniversario da cooperativa de consumo Zocamiñoca.
Pódese consultar a información completa do Programa, neste enlace
Cartel, aquí
Acceso libre, previa inscrición ás xornadas (ás actividades do día 30) aquí
*Iniciativa promovida dende a Unión de Cooperativas EspazoCoop – www.espazo.coop, e a Cooperativa de consumo responsable Zocamiñoca – www-zocaminhoca.org , no marco do Convenio de Colaboración 2019 que EspazoCoop asinou co Concello da Coruña para Promoción do Cooperativismo e a Economía Social.