Bolsas 2025 «Talento Cooperativo» para mocidade con estudos empresariais
O programa “Talento Cooperativo” 2025 lanza a convocatoria para seleccionar 4 persoas con estudos empresariais para 4 Bolsas de EspazoCoop en cooperativas galegas, das localidades de Allariz, As Neves, A Pobra do Caramiñal e Vigo.
A Unión de Cooperativas EspazoCoop, abre a convocatoria do programa Talento Cooperativo 2025, 13ª edición, para persoas menores de 30 anos, con preferencia a mulleres, en desemprego e con estudos en áreas da xestión empresarial.
Convócanse 4 bolsas xerenciais en cooperativas galegas
EspazoCoop convoca 4 bolsas que darán a posibilidade de realizar unha estadía en prácticas nunha cooperativa galega durante 6 meses para impulsar e apoiar o ámbito xerencial e procesos de mellora, estas bolsas están dotadas cunha axuda económica mensual de 700 €, coa correspondente cotización á Seguridade Social.
A estadía en prácticas é para analizar, deseñar, planificar e desenvolver accións de mellora na xestión da cooperativa. A persoa bolseira e a cooperativa contan ademais co apoio da mentoría e titorización de EspazoCoop, que se realiza en cordinación coa cooperativa apoiando as súas necesidades e demandas. A previsión da duración da estadía é da primeira quincena de outubro 2025 á primeira quincena de abril de 2026, a razón de 25 horas semanais. As bolsas están vinculadas a un programa formativo que vai paralelo á estadía.
Estas son as localidades das cooperativas nas que se realizarán as estadías das bolsas:
- Allariz (1 bolsa)
- A Pobra do Caramiñal (1 bolsa)
- As Neves (1 bolsa)
- Vigo (1 bolsa)
Realizar unha acción formativa como parte do proceso de selección
Sinalar que como parte do proceso de selección as aspirantes a bolseiras, unha vez recibamos a súa solicitude, terán que realizar unha acción formativa sobre cooperativismo e economía social en modalidade teleformación. A superación desta acción formativa será requisito imprescindible para continuar no proceso de selección.
A selección das bolseiras realízase cos resultados da teleformación realizada e unha formación presencial de 10 h. os días 16 e 18 de setembro de 2025 en Santiago de Compostela, que se incorporarán ao programa de bolsas a primeira quincena de outubro 2025.
Antes de enviar a túa solicitude, consulta e revisa as bases da convocatoria
É importante que se coñezan os obxectivos da bolsa, os compromisos que adquire a bolseira, e as demais condicións do programa Talento Cooperativo, para valorar de antemán si se poderá levar adiante o proceso formativo previo á selección, e despois a propia bolsa no caso de ser seleccionada.
- Accede ás BASES da CONVOCATORIA 2025 neste enlace
- Formulario de SOLICITUDE neste enlace
- PRAZO DE SOLICITUDE 31 de agosto de 2025
Canteira cooperativa
Xa foron beneficiarias dunha estadía en prácticas nunha cooperativa 62 persoas bolseiras ao longo do conxunto de tódalas edicións. As súas valoracións son moi positivas, contribuíndo á mellora da súa formación e a acadar experiencia que facilita a incorporación ao mundo laboral. Ademais de ser un programa diferenciador, xa que as persoas se especializan en materia cooperativa e nalgúns casos quedan vinculadas profesionalmente ao sector cooperativo e da economía social. Poderíase dicir que é un programa que crea “canteira” para o mundo cooperativo.
Información: Unión de Cooperativas EspazoCoop | 986 866 149 – roberto@espazo.coop | de luns a venres de 9-14 h.
Programa creado e convocado por: Unión de Cooperativas Galegas EspazoCoop.
Esta iniciativa conta co apoio e está no marco dos programas:
– Programa 2024-2025 da Rede Eusumo. Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Xunta de Galicia, co financiamento do Ministerio de Traballo e Economía Social do Goberno de España.
– Proxecto 0259_ES_Factory_1_E que está cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional FEDER no marco do programa Interreg VI A España – Portugal 2021-2027.
Deja tu comentario