Xuntanza entre o Concello da Coruña e EspazoCoop

Inés Rey, Alcaldesa da Coruña, e Ana Olveira, Presidenta de EspazoCoop, mantiveron unha xuntanza de traballo para analizar os logros e resultados dos convenios de colaboración asinados entre ambas dúas entidades

Na mañá de hoxe 28 de febreiro, Inés Rey, Alcaldesa da Coruña, e Ana Olveira, Presidenta da Unión de Cooperativas Galegas EspazoCoop, mantiveron unha xuntanza para analizar os logros e resultados dos convenios de colaboración asinados entre ambas dúas entidades desde 2017.

Nestes anos foron levadas a cabo más de 150 actividades e procesos de difusión, formación e asesoramento sobre cooperativismo e economía social desenvoltas ao abeiro do acordo, das que se beneficiaron arredor de máis dun millar de persoas e das que xurdiron 22 novas cooperativas na cidade.

O cooperativismo é un modelo económico que cada vez ten un maior arraigamento na Coruña e na actualidade hai 98 cooperativas rexistradas con domicilio no Concello da Coruña. Maioritariamente trátase de cooperativas de traballo asociado que desenvolven a súa actividade en moi diversos sectores produtivos, desde a ensinanza ao comercio, pasando pola arquitectura, a serigrafía ou librerías. Tamén hai na cidade varias cooperativas de vivenda, cooperativas de consumo, de transporte e agrarias.

Segundo Ana Olveira, Presidenta de EspazoCoop, “nos últimos 3 anos as cooperativas da Coruña medraron nun 30%, agrupan a máis de 2.300 persoas socias e son un motor laboral cunha importante fonte de creación de emprego directo e indirecto para a cidade. Os diferentes convenios de colaboración asinados co Concello promoveron achegarnos a novos públicos e favorecer o cooperativismo entre a sociedade xeral”.

 

Sobre EspazoCoop

A Unión de Cooperativas Espazocoop é unha entidade multisectorial de carácter empresarial, configurada como asociación sen ánimo de lucro, de ámbito galego, integrada por cooperativas de distintas clases, inspirada nos principios cooperativos e os seus valores e que ten como obxectivo: agrupar, representar, impulsar, fomentar a intercooperación e defender os intereses das súas cooperativas socias e das persoas que as constitúen, así como a divulgación, fomento e consolidación do cooperativismo, como ferramenta de desenvolvemento socioeconómico, no marco da economía social e solidaria.