Seis cooperativas socias participan na Aceleradora «EspazoCoop-Impulsa» de ES-Factory
A Unión de Cooperativas EspazoCoop inicia este mes de abril as actividades da súa aceleradora de proxectos cooperativos, despois de finalizar un proceso de selección de participantes, que deu como resultado a elección de 6 cooperativas socias como beneficiarias (dos 18 proxectos inscritos). As cooperativas da aceleradora «EspazoCoop-Impulsa» son as seguintes:
- Miudiño S. Coop. Galega
- 13 Grados S. Coop. Galega
- Arela Saúde S. Coop. Galega
- Enraizando S. Coop. Galega
- A Milpa do Salnés S. Coop. Galega
- Árbore Arqueoloxía S. Coop. Galega
A aceleradora de EspazoCoop fai parte da: Rede de aceleradoras de economía social para impulsar e consolidar empresas en novas economías emerxentes, do proxecto ES-Factory.
As actividades de `EspazoCoop – Impulsa´ contemplan formación, mentorías e apoio na busca de financiamento, as cooperativas seleccionadas participarán nun itinerario orientado a impulsar e consolidar as súas iniciativas empresariais en réxime de cooperativa. Durante 5 meses recibirán soporte para que os seus proxectos e necesidades de aceleración, podan desenvolverse máis rápido, e que o fagan dun xeito viable, sostible, e co acompañamento adecuado.
En concreto, a aceleradora xa puso en marcha un módulo de formación en liña co que as cooperativas adquirirán coñecementos en economía social, coñecerán cales son as vías de financiamento ético e sostible, as axudas, os apoios, abordarán a xestión económica e financeira, traballarán habilidades comunicativas, de traballo en equipo e de liderado, e adquirirán competencias comerciais e de proxección para ampliar mercados (o curso enmárcase na Academia Factoría da Economía Social -apoiada pola Rede Eusumo-).
Ao mesmo tempo, as cooperativas participarán nun calendario de sesións de mentorías con titorización personalizada para apoiar e desenvolver as liñas que as cooperativas van traballar na aceleradora «EspazoCoop-Impulsa» do proxecto ES-Factory.
Sobre a aceleradora
A aceleradora ES Factory está deseñada para fomentar a creación e consolidación de iniciativas empresariais en sectores estratéxicos como a economía verde, azul, laranxa, amarela e prateada. Entre os seus principais obxectivos atópanse:
- Identificar e potenciar novas ideas e liñas de negocio dentro da economía social.
- Proporcionar formación e acompañamento experto.
- Ofrecer ferramentas para a avaliación e capacitación das persoas emprendedoras, fortalecendo as súas competencias empresariais.
- Fomentar a intercooperación e a creación de sinerxias entre as persoas participantes e outros axentes do ecosistema de economía social.
Esta iniciativa enmárcase:
– As accións realizadas baixo o proxecto 0259_ES_Factory_1_E están cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do programa Interreg VI A España – Portugal (POCTEP) 2021-2027, que promove proxectos de cooperación transfronteiriza co apoio da Unión Europea.
– Programa 2024-2025 da Rede Eusumo, que é unha rede de colaboración para o fomento do cooperativismo impulsada pola Xunta de Galicia, Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, e co financiamento do Ministerio de Traballo e Economía Social do Goberno de España.
Deja tu comentario