O Goberno local da Coruña organizará o próximo 6 de abril a xornada Máis que residuos, no Centro Ágora, unha proposta que ten como obxectivo afondar, a través dunha perspectiva integral e integradora, na promoción da economía social na xestión municipal de residuos.
A concelleira de Medio Ambiente, María García, sinalou que a iniciativa procura explorar a posibilidade de vincular iniciativas da economía social, «aquelas que, á vez que desempeñan un traballo, perseguen a integración de persoas na contorna socio-laboral», cun «servizo básico de prestación á cidadanía», como é a xestión de residuos municipal, «un sector estratéxico para a xeración de empregos verdes».
O edil de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, que presentou xunto á titular de Medio Ambiente a xornada divulgativa, destacou o interese do Goberno local «por acadar a inserción no mercado laboral de colectivos con máis dificultade de integración a través de fórmulas e tipoloxías de empresas que son as características da economía social».
Máis que residuos estará dividida en dous bloques, na que se abordarán a visión integral da xestión de residuos nos municipios e os fitos da economía social neste eido, a través de fórmulas como as cooperativas ou centros especiais de emprego. Suliñar ademais que, Tino Gago, xerente de Espazocoop Unión de Cooperativas Galegas, moderará unha mesa de experiencias exitosas de economía social na xestión dos residuos.
Preme na imaxe para consultar o Programa:
A xornada Máis que residuos terá lugar no Centro Ágora o próximo 6 de abril, e as inscricións poden formalizarse, de forma gratuíta, facendo clic: aquí.
Fonte: Web do Concello da Coruña