A sectorial do ensino de EspazoCoop, na manifestación en contra do desmantelamento do ensino concertado

Cun preto de 200 persoas manifestantes, a Asociación de Centros de Economía Social de Galicia (ACES Galicia) -entidade da que forma parte EspazoCoop-, a Federación de Ensino de USO (FeUSO) e o Sindicato Nacional de Ensino Privado de Galicia(SNEP dG), consideran un éxito a manifestación do pasado sábado 13 de maio

Cunha participación que quedou perto das duascentas persoas, os obxectivos de visibilizar as reivindicacións do Ensino Concertado están conseguidos; por unha parte, o feito de saír á rúa, o que sempre é un reto no noso sector, e por outra a constatación do enfado do persoal docente e non docente coa actitude da Consellería e dos seus responsables.

Segundo os convocantes da manifestación, a Asociación de Centros de Economía Social de Galicia (ACES Galicia) -entidade que asocia a preto de 30 colexios en réxime de concerto educativo e da que forma parte a Unión de Cooperativas EspazoCoop-, a Federación de Ensino de USO (FeUSO) e o Sindicato Nacional de Ensino Privado de Galicia (SNEPdG). “seguiremos pendentes de que se convoque a Comisión Tripartita do Ensino Privado Concertado, con data certa e con borradores para ser dicutidos. Agardamos que sexa así para non vernos obrigados a continuar con novas mobilizacións, tal e como nos pediron as persoas participantes nesta manifestación”.

O Conselleiro de Cultura, Educación e Universidade e o Director Xeral de Centros e Recursos Humanos recibiron o escrito onde se recollen todas as peticións, agora eles teñen a palabra, palabra que esixen sexa inmediata e co compromiso de que os acordos sexan efectivos para o vindeiro curso 2023-2024.

As demandas solicitadas son:

  • Convocatoria da Comisión Tripartita do Ensino Privado Concertado, non promesas que se adoitan incumprir.
  • Redución de rateos; menos alumnado por aula. Non hai encarecemento, trátase de manter o existente.
  • Acordo de Mantemento de Emprego (existiu ata setembro de 2009)
  • Reposición da xubilación parcial (eliminada para a concertada de forma unilateral pola Consellería)
  • Aboamento da Paga Extraordinaria de Antigüidade (Prohíbese nos Orzamentos de Galicia desde 2012)
  • Pago delegado para o PAS.
  • O resto dos dereitos suprimidos e non repostos.

26 escolas cooperativas galegas na Sectorial de Ensino de EspazoCoop

A Sectorial de Cooperativas de Ensino de EspazoCoop está conformada por 26 escolas cooperativas de Galicia, dando servizo educativo a centenares de estudantes dos diferentes ciclos. As cooperativas de ensino teñen vocación pública e unha xestión democrática, o seu modelo pedagóxico incorpora os valores sociais e educativos do modelo cooperativo como son a inclusión, a sostibilidade, a innovación ou o compromiso coa contorna.

**Imaxe: vía xornal El Correo Gallego (foto de Xoán Rey)

 

Sobre EspazoCoop

A Unión de Cooperativas Espazocoop é unha entidade multisectorial de carácter empresarial, configurada como asociación sen ánimo de lucro, de ámbito galego, integrada por cooperativas de distintas clases, inspirada nos principios cooperativos e os seus valores, que ten como obxectivo agrupar, representar, impulsar, fomentar a intercooperación e defender os intereses das súas cooperativas socias e das persoas que as constitúen, así como a divulgación, fomento e consolidación do cooperativismo, como ferramenta de desenvolvemento socioeconómico, no marco da economía social e solidaria.