A economía social amosa no Culturgal a súa aposta por un futuro sostible
As entidades do sector presentarán os seus produtos, servizos e actividades na 15ª edición da Feira das Industrias Culturais reunidas nun stand deseñado para reducir o seu impacto ambiental.
Santiago, 22 de novembro de 2022
O sector cultural da economía social galega estará presente por octavo ano consecutivo na Feira das Industrias Culturais (Culturgal), que se celebra entre o 24 e o 27 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra, nun stand promovido pola Subdirección Xeral de Economía Social da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade.
Durante os catro días do evento, organizado nesta décimo quinta edición baixo o lema “Quince anos cos fíos da cultura”, 12 entidades -once cooperativas e unha sociedade laboral-, presentarán os seus proxectos, produtos e servizos na cita de referencia da cultura galega.
O espazo de Economía Social, un dos diversos e numerosos expositores que participan este ano na Feira, renova a súa aposta pola visibilización das entidades que conforman o sector mostrando nesta edición o aliñamento dos seus valores e principios cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) e a consecución da Axenda 2030.
Con este fin, as persoas que visiten o stand promovido pola Consellería atoparán, ademais das últimas novidades no catálogo das entidades, un espazo integramente construído con materiais reutilizados, reciclados ou con pegada ecolóxica reducida. No corazón do mesmo, para facer presente o papel da colectividade e situar á cidadanía no centro das prácticas culturais, tal e como procuran os ODS, unha instalación artística participativa permitirá ao público exhibir o seu compromiso cun futuro sostible da man da economía social.
En paralelo, o stand da Economía Social de Galicia ofrece ao longo da fin de semana un programa multidisciplinar de propostas para todos os públicos nos que terán protagonismo a arte, a literatura, o xogo, a danza, a música e a narración oral.
PROGRAMA DE ACTIVIDADES
Venres 25 de novembro
10:00h. Encontro da Sectorial Cultural das cooperativas de Espazocoop
Xornada de encontro intercooperativo entre as entidades socias da unión de cooperativas de traballo asociado Espazocoop.
13:30h. Presentación da Xira XX Aniversario de Silvia Penide, por DezdeDez Xestión Cultural, sociedade laboral.
Breve actuación musical e presentación dos lanzamentos discográficos que acompañan a xira da cantante galega.
Encontros coa Economía Social Galega.
Ao longo da xornada do venres, o stand acollerá distintas reunións de curta duración nas que as entidades do sector terán a oportunidade de presentar unha proposta de actividade, iniciativa ou produto a representantes institucionais, administracións e empresas co fin de acadar posibles acordos de negocio ou colaboración.
Sábado 26 de novembro
18:00h. Presentación de “O desencantamento”, por Miudiño s. coop. galega
Presentación do novo libro da editora: un conto de Rafael Quintía ilustrado por Miguel Peralta, da cooperativa Cestola.
19:00h. Sesión express de canto moderno, por Maga de Voz s. coop. galega.
Obradoiro de acceso libre e para todos os públicos.
Xincana de descuberta de Economía Social, por 7H Cooperativa Cultural
Actividade continuada e con premio! Durante a xornada do sábado as visitantes ao stand poderán profundar nos valores da economía social recompilando distintas pistas distribuídas por todo o recinto. O compromiso no xogo terá premio: sortearase un lote de produtos de economía social e entregaranse varios agasallos a quen completen a xincana.
Domingo 27 de novembro
12:00h. Presentación do libro Alén do azul. Ecoedición, cooperación e mergullo sostible, a cargo de Catro Ventos Editora s. coop. galega e 13 grados s. coop. galega.
Co motivo da segunda edición deste proxecto de intercooperación realizarase unha pequena presentación da obra e as cooperativas implicadas no proceso.
13:00h. Contacontos familiar, por Maga de Voz s. coop. galega.
Corenta minutos de música e danza cos que descubrir, en colectivo, novas e inesquecibles historias.
ENTIDADES PARTICIPANTES
DezdeDez s.l.l.
DezdeDez ou 10D10, fundada en 1999 e situada na cidade da Coruña, centra a súa actividade na xestión cultural: representación de artistas, xestión de programacións musicais, obradoiros formativos de asociacionismo, iniciación á radio e como conseguir concertos, así como organización global de eventos.
7H Cooperativa Cultural
7H é un proxecto de autoemprego colectivo baseado na economía social e, por tanto, centrado nas persoas e na comunidade. Especialistas en inclusión, feminismos e capacidades diferentes, aspiran a xerar un modelo de participación que, desde a xestión e a comunicación cultural, a educación artística e a creación contemporánea, fomente o diálogo e a visualización da diversidade, promovendo a transformación colectiva do contexto.
BenCuriosa (Almeiro s. coop. galega)
BenCuriosa é un equipo de profesionais ao servizo do coñecemento e da creatividade en común. Parten dunha noción de cultura aberta que aposta pola implicación cidadá e a finalidade social dos proxectos, pola cooperación entre axentes culturais e creativos, polo vínculo co tecido empresarial e pola conexión coa esfera internacional, desde unha forte ancoraxe na nosa identidade.
Catro Ventos Editora s. coop. galega
Xorde da combinación de dous elementos igual de importantes: o desexo de poder desenvolver unha actividade profesional que non só sexa viable economicamente, mais tamén coherente cos principios éticos das persoas socias que participan no proxecto; e a constatación de que existe un baleiro no mundo editorial galego nos eidos da economía social e da ecoloxía, malia o crecente interese da sociedade en xeral por estas cuestións.
CRU Producións s. coop. galega
CRU é unha produtora audiovisual encargada de desenvolver, producir e distribuír ficcións e non ficcións, concretadas estas en longametraxes, curtametraxes ou guións de series de televisión, series ou programas web e vídeos musicais ou publicitarios. CRU é tamén un espazo de formación transfeminista: un lugar para aprender a ollar doutra maneira a través de distintos obradoiros que procuran a construción dunha mirada crítica capaz de reflexionar sobre o universo audiovisual e o seu lugar na sociedade. CRU é, ademais, unha produtora de eventos culturais, mostras de cinema, exposicións ou outros, co obxectivo de visibilizar o quefacer de creadoras transfeministas e establecer redes de alianzas entre todas nós.
Maga de Voz s. coop. galega
Maga de Voz é unha cooperativa cultural de “vocación social”, sendo o benestar das persoas trasversal a todos os seus servizos. Dirixen proxectos socioculturais de Música e Danza Terapia para colectivos resilientes e, asemade, ofrecen leccións de Canto Moderno e Vocal Coach para todas as idades. Teñen tamén espectáculos de música e poesía para adultos e dous contacontos musicais para crianzas.
Miraxe s. coop. galega
Miraxe é unha cooperativa cultural de traballo asociado que ofrece servizos de xestión, organización e produción de proxectos e eventos, cunha ampla experiencia, ademais, na contratación e representación artística. O seu obxectivo é dar servizo ao sector cubrindo unha ampla gama de prestacións e a súa experiencia dálles unha boa perspectiva tanto das necesidades do sector en xeral como súas propias como profesionais.
Miudiño s. coop. galega
A cooperativa Miudiño nace do mundo da ilusión e dos soños, alimentada de tres grandes paixóns: a infancia, a natureza e o patrimonio cultural, que combinados entre si van dando vida a todo o que fan: música, xogos e xoguetes, obradoiros e contos. O amplo repertorio de Cé Orquestra Pantasma xunto ao marabilloso “Fíos do querer” compleméntanse con obradoiros variados e a venda e arrendo de xogos e xoguetes de madeira, de alta calidade e de elaboración propia e artesá.
NOSO s. coop. galega
NOSO cooperativa desenvolve estratexias e proxectos culturais de carácter innovador para o desenvolvemento local e a dinamización do territorio nun sentido amplo do termo. Estudos e investigacións, posta en valor e divulgación, estratexias e identidades, fotografía e entornos virtuais dende una mirada propia, construída dende a intersección do audiovisual, a arquitectura e as ciencias sociais.
Suseia s. coop. galega
Aproveitando a súa capacidade de cooperación e implicación social Suseia é unha cooperativa de traballo asociado que formula novas solucións comunicativas a un prezo xusto. Baixo o reto de transformar o sector apostando pola ética empresarial e a economía sostible, fan do valor humano o piar sobre sobre o que medra a súa empresa.
Urdime s. coop. galega
A “urdime” é o conxunto de fíos paralelos que se manteñen en tensión nun marco ou tear; diferenciándose dos que tecen a trama ou rede, xerando o tecido. A “urdime” en forma de cooperativa nace froito da unión das sinerxías de varios profesionais da xestión cultural, construíndo pontes e camiños que xuntan coñecementos e enerxías, co fin de xestionar proxectos culturais relacionados coa infancia e a xuventude.
Xarda s. coop. galega
Xardsa é unha cooperativa de comunicación que fai formatos xornalísticos e audiovisuais, como reportaxes ou series de vídeos, cunha maneira de contar máis pausada e a prol do cambio social. Tamén facemos streaming e participamos en proxectos con outras entidades.
*Fonte: Coordinación stand Economía Social de Galicia (7H Cooperativa Cultural)