Exitosa xornada de traballo de EC4RURAL cos concellos do piloto en Galicia

O pasado 2 de decembro, o proxecto EC4RURAL, do que fai parte a Unión de Cooperativas EspazoCoop, convocou unha sesión presencial de traballo cos 22 concellos adscritos ao piloto en Galicia. O obxectivo foi ofrecer información actualizada sobre a marcha do noso proxecto, favorecer o intercambio de experiencias, e promover oportunidades para tecer redes entre este grupo de actores que están asentando o futuro da transición enerxética xusta en Galicia, mediante unha aproximación baseada na participación das persoas.

“O noso obxectivo é que as vosas iniciativas sexan un exemplo para outros e sirvan para fortalecervos como concellos. Nestes experimentos de proba-erro sodes un exemplo de como construír socialmente alternativas a un modelo enerxético absolutamente centralizado. Nós tentamos descentralizado”, resumía Xavier Simón, coordinador de EC4URAL.

No encontro, que tivo lugar en Santiago de Compostela e foi organizado pola FEGAMP, os municipios de Vilasantar, Moeche, Tordoia, Outes, Vedra e Ordes (A Coruña), Sober (Lugo), O Rosal e Silleda (Pontevedra), recordaron os pasos que foron dando para a creación das súas Comunidades Enerxéticas Rurais (CERs). Nas súas exposicións, detallaron os aspectos positivos, pero tamén os negativos e as “trabas” que se foron encontrando, ou que están intentando resolver e como, para que sirvan de experiencia para o resto de compañeiros e compañeiras.

Ademais de representantes municipais, tamén se contou con socios de comunidades enerxéticas como a de Moeche.

Na segunda parte abriuse un espazo de diálogo entre os asistentes e o equipo técnico, para compartir a actual situación na transición enerxética a nivel municipal desde catro dimensións: económica, ambiental, social e administrativa.

De feito, a mañá converteuse nun foro de aprendizaxe moi positivo no que todos os asistentes aseguraban despedirse con bo sabor de boca. Tamén, e de novo, levando consigo o ofrecemento de “teléfono aberto” por parte de EC4RURAL para axudarlles no proceso de constitución das súas Comunidades Enerxéticas Rurais (CERs).

Suscríbete á newsletter de EC4RURAL e non te perdas as últimas novas, eventos, publicacións e outras actividades de EC4RURAL: neste enlace