EspazoCoop presente no Parlamento de Galicia con motivo da declaración institucional polo Ano Internacional das Cooperativas
As cooperativas galegas, a través do Consello Galego de Cooperativas, impulsaron a declaración institucional aprobada por unanimidade na Cámara autonómica
Representantes da Unión de Cooperativas EspazoCoop asistiron este martes ao Pleno do Parlamento de Galicia, xunto coas demais entidades que integran o Consello Galego de Cooperativas, no que se aprobou por unanimidade unha declaración institucional co gallo do Ano Internacional das Cooperativas 2025. A declaración parte precisamente dunha proposta consensuada no seo deste Consello, órgano de representación e participación do cooperativismo galego.
Durante a sesión, o presidente da Cámara, Miguel Ángel Santalices, deu lectura ao texto consensuado polas forzas políticas, que salienta o valor estratéxico do cooperativismo como modelo clave para construír un futuro máis xusto, sostible e equitativo, e insta a traballar para que Galicia se converta nun referente global neste eido.
Desde EspazoCoop valoramos moi positivamente esta declaración, xa que representa un recoñecemento institucional ao papel transformador do cooperativismo galego, un modelo empresarial con valores sociais e democráticos que demostrou ser especialmente resiliente en contextos de crise e incerteza.
A Unión considera que este Ano Internacional é unha gran oportunidade para visibilizar o potencial do cooperativismo na sociedade galega, así como para reforzar a colaboración coas administracións públicas e os axentes sociais co fin de impulsar a creación, consolidación e intercooperación das cooperativas.
O texto aprobado destaca tamén o esforzo conxunto realizado nos últimos anos polas propias cooperativas, polas súas entidades representativas —entre elas EspazoCoop— e polas administracións, en favor da consolidación do modelo cooperativo en Galicia. Así mesmo, recoñécese ás cooperativas como axentes imprescindibles para o desenvolvemento económico e social, con capacidade para dar resposta a retos como a sustentabilidade ambiental, a innovación ou o relevo xeracional.
EspazoCoop comparte e apoia plenamente os obxectivos expresados na declaración, e suma o seu compromiso a promover, ao longo de 2025, accións que contribúan a difundir os valores e beneficios do cooperativismo, fomentar o emprendemento cooperativo e fortalecer o tecido cooperativo galego desde unha perspectiva transformadora e participativa.
Deja tu comentario