EspazoCoop participa na mobilización do ensino concertado a través de Aces Galicia

  • EspazoCoop, como membro de ACES Galicia, sumouse ás reivindicacións históricas dun sector sistematicamente ignorado pola Administración galega
  • Galicia é a única comunidade autónoma do Estado sen avances no ensino concertado

A Unión de Cooperativas EspazoCoop participou na mobilización celebrada hoxe polos sindicatos con representación no Ensino Concertado (FSIE, UGT-SP, CCOO, USO e SNEP) a través da súa pertenza a ACES Galicia, Asociación de Centros de Economía Social de Galicia, fronte ás dependencias da Xunta en San Caetano.

A mobilización puxo de manifesto o desprezo sistemático da Administración galega cara ás persoas traballadoras do ensino concertado, que levan décadas de reivindicacións históricas que se recoñecen pero non se asumen, provocando un retroceso nos dereitos do colectivo.

Entre as principais demandas que sustentaron esta convocatoria atópanse a falta de Xubilación Parcial con contrato de relevo, a prohibición da Paga Extraordinaria de Antigüidade (PEA) desde o ano 2012, o afastamento progresivo da homologación salarial, a ausencia de redución da carga de horas lectivas, e a falta de recoñecemento de complementos de cargo para o persoal docente e de administración e servizos.

Unha débeda histórica de 12.000 euros por persoa traballadora

Galicia é a única comunidade autónoma do Estado sen avances no ensino concertado. Desde o 2010, a Administración autonómica deixou de aboar a PEA, o que supón que a Xunta teña unha débeda media con cada persoa traballadora de 12.000 euros. Mentres tanto, noutras comunidades como Illas Baleares, Cantabria, Madrid ou Navarra xa se alcanzaron acordos significativos que recoñecen os dereitos laborais deste colectivo.

A gota que rebordou o vaso foi a última proposta da Consellería respecto á Xubilación Parcial con contrato de relevo. Tras o acordo asinado en agosto de 2024 que permitía reducir a xornada ata un 50% con dous anos de anterioridade á xubilación, a nova proposta limita esta prestación a un máximo dun ano antes da idade ordinaria, reducindo o tempo medio a tan só 7 meses.

EspazoCoop: compromiso coa educación de calidade

Desde EspazoCoop entendemos que esta situación afecta directamente á calidade educativa que ofrecen os nosos centros asociados. A Sectorial de Cooperativas de Ensino de EspazoCoop está conformada por 26 escolas cooperativas de Galicia, que dan servizo educativo a centenares de estudantes dos diferentes ciclos formativos.

As cooperativas de ensino teñen vocación pública e unha xestión democrática, incorporando no seu modelo pedagóxico o valor social e educativo do cooperativismo, baseado na inclusión, sostenibilidade, innovación e compromiso social.

Por iso, desde EspazoCoop facemos un chamamento á Administración galega para que reconsidere a súa postura e inicie un diálogo real e efectivo co sector do ensino concertado, recoñecendo os dereitos laborais das persoas traballadoras e apostando por unha educación de calidade para toda a cidadanía galega.

26 escolas cooperativas galegas na Sectorial de Ensino de EspazoCoop

A Sectorial de Cooperativas de Ensino de EspazoCoop está conformada por 26 escolas cooperativas de Galicia, dando servizo educativo a centenares de estudantes dos diferentes ciclos. As cooperativas de ensino teñen vocación pública e unha xestión democrática, o seu modelo pedagóxico incorpora o valor social e educativo do modelo cooperativo como inclusión, sostenibilidade, innovación ou compromiso.

 

Sobre EspazoCoop

A Unión de Cooperativas Espazocoop é unha entidade multisectorial de carácter empresarial, configurada como asociación sen ánimo de lucro, de ámbito galego, integrada por cooperativas de distintas clases, inspirada nos principios cooperativos e os seus valores e que ten como obxectivo: agrupar, representar, impulsar, fomentar a intercooperación e defender os intereses das súas cooperativas socias e das persoas que as constitúen, así como a divulgación, fomento e consolidación do cooperativismo, como ferramenta de desenvolvemento socioeconómico, no marco da economía social e solidaria.