EspazoCoop participa no Encontro Mundial do Cooperativismo
Do día 19 ao 22 de xuño, Sevilla albergou o Encontro Mundial do Cooperativismo coa presenza de máis de 700 persoas entre as que participou unha representación da Unión de Cooperativas Galegas EspazoCoop
A Confederación Española de Cooperativas de Traballo Asociado (COCETA) organizou entre os días 19 e 22 de xuño o Encontro Mundial do Cooperativismo en Sevilla baixo o lema “Cooperativas: o momento é agora”, ao que acudiron máis de 700 persoas chegadas de todo o mundo e no que participou a Unión de Cooperativas Galegas EspazoCoop de xeito activo.
Durante estes días debatéronse algúns dos aspectos fundamentais do cooperativismo, analizando o pasado mais tamén o presente deste modelo. Nuns momentos de inestabilidade económica, no modelo cooperativo participan máis de 1.000 millóns de persoas organizadas en tres millóns de cooperativas en todo o mundo. As cooperativas levan anos defendendo uns valores concretos sobre os dereitos das persoas traballadoras, a ruptura da fenda de xénero, o respecto ao medio, igualdade ou solidaridade, entre outros. E xusto agora, despois dunha pandemia e nun escenario bélico, os valores que defendemos parecen configurarse como unha alternativa que para nós xa é realidade.
Analizouse tamén esa referencia errónea á novidade que supón o cooperativismo, cando levamos décadas aplicando o noso modelo ao ámbito empresarial, coidando ás persoas e poñendo a economía nas mans da xente e non ao revés. En definitiva, as cooperativas configuran unha alternativa real desde fai tempo, aínda que agora se fale do cooperativismo como unha nova opción fronte ao ecosistema empresarial que non ten en conta dereitos, persoas ou contorna.
O cooperativismo, o cambio que necesita o mundo empresarial
Este encontro contou coa participación de cooperativistas de todo o planeta, o que serviu para traballar dunha maneira conxunta na visibilización do cooperativismo, compartir experiencias e enfrontar os retos e desafios comúns que conlevará o futuro. A representación de EspazoCoop puido entablecer relacións con outras organizacións e cooperativas, compartindo as nosas visións e traballos.
Entre todas as persoas participantes compártese unha opinión: as cooperativas poden abanderar o cambio empresarial e económico necesario para dar resposta ao momento de necesidade actual grazas ao noso modelo baseado na comunidade e que garante emprego de calidade e digno.
Tamén no marco do Encontro, distintas organizacións celebraron as súas asembleas anuais como COCETA, CECOP e CICOPA, ademais de celebrarse reunións sectoriais cooperativas nacionais e internacionais de Vivenda, Consumo, Pesca, Agrarias…
Na asemblea de COCETA, a confederal estatal da que forma parte EspazoCoop, anunciouse a celebración do vindeiro Consello Reitor en Santiago de Compostela no mes de novembro, do que seremos entidade organizadora.