EspazoCoop apoia a Aces Galicia na protesta polos recortes no ensino concertado

 

 

 

  • Esta mañá tivo lugar unha concentración diante da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades ante os peches de aulas no ensino concertado

  • Ao remate da concentración leuse o manifesto “Por unha educación de calidade”

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2022. Na mañá de hoxe tivo lugar unha concentración de protesta diante da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades convocada por Escolas Católicas Galicia, a patronal CECE, a CONGAPA, representante das familias, os sindicatos FSIE, SNEP e USO, e ACES Galicia, entidade da que forma parte a Unión de Cooperativas EspazoCoop.

Esta protesta dos representantes do ensino concertado da comunidade é consecuencia do peche de diferentes unidades en centros escolares galegos anunciado por parte da Consellería, medida que aumenta o ratio de alumnos por aula en infantil e primaria, empeorando desta maneira a calidade da educación. No caso das cooperativas de ensino que forman parte de EspazoCoop, varias están sufrindo recortes de unidades, tanto neste ano como no pasado curso.

A Administración revisa de maneira exclusiva os datos de matriculación e non emprega ningún criterio máis á hora de facer unha distribución de alumnos por aula, dando como resultado a modificación dos concertos educativos co obxectivo de pechar unidades. Esta análise do número de matriculacións é totalmente contrario á defensa da escolarización inclusiva, tendo en conta que o 66% dos nenos e nenas con necesidades de apoio educativo do sistema educativo galego atópanse nos centros do ensino concertado. Ademais, estes peches conlevarán unha importante perda de postos de traballo para un número salientable de docentes que non saben se poderán traballar no mes de setembro.

Manifesto “Por unha educación de calidade”

Ao finalizar a concentración, representantes das entidades convocantes deron lectura ao manifesto “Por unha educación de calidade” no que se reclama á Consellería que “reconsidere o peche de unidades proposto e que inicie os contactos oportunos para pactar medidas alternativas ao peche que, cremos, redundará na calidade do ensino tanto público, como concertado”. Mentres que noutras comunidades están adoptándose medidas para reducir o número de alumnos e alumnas por aula ou incrementando o número do profesorado, en Galicia non se aposta pola implementación dunha educación universal e personalizada para todo o alumnado e, sobre todo, unha asistencia necesaria para os e as estudantes con necesidades específicas de apoio educativo.

26 escolas cooperativas galegas na Sectorial de Ensino de EspazoCoop

A Sectorial de Cooperativas de Ensino de EspazoCoop está conformada por 26 escolas cooperativas de Galicia, dando servizo educativo a centenares de estudantes dos diferentes ciclos. As cooperativas de ensino teñen vocación pública e unha xestión democrática, o seu modelo pedagóxico incorpora o valor social e educativo do modelo cooperativo como inclusión, sostenibilidade, innovación ou compromiso.

Sobre EspazoCoop

A Unión de Cooperativas Espazocoop é unha entidade multisectorial de carácter empresarial, configurada como asociación sen ánimo de lucro, de ámbito galego, integrada por cooperativas de distintas clases, inspirada nos principios cooperativos e os seus valores e que ten como obxetivo: agrupar, representar, impulsar, fomentar a intercooperación e defender os intereses das súas cooperativas socias e das persoas que as constitúen, así como a divulgación, fomento e consolidación do cooperavismo, como ferramenta de desenvolvemento socioeconómico, no marco da economía social e solidaria.

ACES Galicia é a Asociación de Centros de Economía Social de Galicia.