Espazo Coop entrevista a Elena Rivo López, Consejera de Promoción de Empleo e Igualdad de la Xunta de Galicia
Recentemente a súa Consellería anunciou un aumento do investimento en Economía Social para o ano 2024, cal é o papel deste sector en Galicia?
A economía social ten un papel fundamental para a cohesión social e do territorio, xerando un emprego inclusivo, igualitario e solidario. En 2024 seguiremos apostando por este modelo cun orzamento que experimenta un incremento dun 3% respecto ó ano anterior. Estamos a falar de case 44 millóns de euros cos que a Xunta de Galicia quere contribuír á difusión das fórmulas da economía social, á creación e consolidación de iniciativas e á promoción do emprego inclusivo.
No caso concreto das cooperativas, como son recollidas nestes orzamentos?
Un dos grandes proxectos para Galicia en 2024 será o deseño e aprobación dunha nova Lei de cooperativas que terá por finalidade flexibilizar e facilitar a creación de novas entidades e axudar a que as existentes avancen na súa profesionalización e dixitalización. Trátase de adaptar o actual marco regulador, que data de 1998, ao novo contexto socioeconómico, e de dar o impulso definitivo a este modelo.
Precisamente unha das reclamacións que ten o cooperativismo é a reforma da Lei. Hai algún punto que poda avanzarnos sobre esta Lei?
A norma estase a deseñar a través dun proceso participativo aberto no seo do Consello Galego de Cooperativas con escoita activa ás entidades. O Goberno galego pretende dotar ás cooperativas de ferramentas e métodos organizativos para mellorar a súa xestión diaria. Tamén aspira a reforzar a parte social no fomento dos principios de igualdade, conciliación e responsabilidade social, buscando unha composición equilibrada nos seus órganos sociais.
Trátase de estimular a presenza de entidades en todos os sectores de actividade, mediante a simplificación dos trámites e a dinamización dos procesos de toma de decisións. Tamén permitirá dixitalizar o Rexistro de cooperativas.
Respecto a outras comunidades, como se atopa Galicia analizando as cifras da economía social?
A consolidación da economía social en Galicia é un fenómeno imparable. Como Administración galega comprobamos que cada día crece máis o interese sobre as diferentes fórmulas deste ecosistema que entronca, e moito, coa idiosincrasia, co sentimento de comunidade ou de apego ao territorio que tanto nos caracteriza ás galegas e galegos. A economía social supón o 7% do PIB galego o que se traduce en máis de 850 millóns de euros anuais.
A partir do informe elaborado pola Confederación Empresarial Española da Economía Social, pódese indicar que Galicia aglutina, xunto con Madrid, Cataluña e Navarra, o 70% dos Centros Especiais de Emprego. O mesmo documento sitúa unha vintena de cooperativas galegas entre as máis relevantes polo emprego xerado e a facturación.
Tamén estamos avanzando no deseño da nova Estratexia de economía social, que aspectos destacaría desta segunda estratexia con respecto á primeira?
Coa nova Estratexia galega da Economía Social, co horizonte posto en 2027, estimamos crear uns 3.500 novos postos de traballo e constituír 400 novas entidades.
Estamos a elaborar un documento de xeito transversal cos distintos departamentos autonómicos. Aspiramos a mellorar as competencias das persoas e as capacidades das entidades dentro da economía social, para consolidar o seu crecemento continuo en Galicia.
A nova estratexia apoiará o posicionamento deste modelo nos sectores tecnolóxico e dixital, verde, industrial e sustentable. O seu deseño parte de tres obxectivos estratéxicos que fixan a atención nas persoas (na mellora da súa capacitación), nas entidades (para brindarlles máis capacidade competitiva) e na gobernanza (traballo en rede das entidades).
E centrándonos nas Cooperativas de traballo, cal vai ser o impacto desta estratexia nesta fórmula empresarial?
Se falamos do cooperativismo, evidentemente é unha das fórmulas máis representadas na economía social galega. Queremos que estean presentes en sectores emerxentes e que sigan a ser exemplo de igualdade e xeradoras de emprego. Queremos impulsar o talento emprendedor na economía social e no cooperativismo en particular. E profesionalizar estas actividades.
Co estratexia queremos seguir a impulsar a presenza feminina na economía social e facer que este modelo resulte atractivo á mocidade.
Un dos programas máis novidosos polo que se apostou na súa consellería é o ESMentoring, en que lle parece que está a contribuír para o sector?
Con esta iniciativa que leva dous anos en marcha estamos a apoiar a consolidación das cooperativas e doutras entidades de economía social en situación de crise ou cambio nos seus negocios. Apostamos por accións que impulsen o relevo xeracional e o encontro entre entidades da economía social para incentivar a colaboración e que poidan probar e testar novos produtos e servizos, e mesmo vendelos no estranxeiro.
O programa busca tecer unha rede colaborativa para que as entidades mentorizadas poidan implantar melloras a partir do coñecemento doutras empresas con éxito e traxectoria ampla nesta fórmula empresarial. Trátase, en definitiva, de facilitar un asesoramento útil para consolidar un modelo de negocio solidario, que crea emprego de calidade e con arraigo no territorio.
Cales son os retos que debe afrontar Galicia e nos que o cooperativismo pode axudar ou ser panca de cambio?
Ao igual que está ao ocorrer noutros ámbitos, o cooperativismo debe profesionalizarse e avanzar para adaptarse aos novos modelos económicos e laborais. Parte do cambio, debe comezar pola mellora dos métodos organizativos necesarios para optimizar a súa xestión.
Tamén debe reforzarse a parte social, tanto na interacción cos seus socios como no fomento dos principios de igualdade, conciliación e responsabilidade social. Neste sentido, a Lei de cooperativas incluirá propostas para que as entidades teñan unha composición equilibrada, en termos de xénero, nos seus órganos sociais ou para que as cooperativas de traballo asociado conformadas só por persoas socias traballadoras poidan e teñan dereito a rexistrar os seus propios Plans de Igualdade.
Teñen xa marcados novas liñas o programas de axudas para cooperativas para o ano que ven?
En 2024 seguiremos apostando por este modelo, con actuacións centradas en tres eixos: a difusión da economía social, a creación e consolidación de iniciativas dentro deste modelo e a promoción do emprego inclusivo.
Para visibilizar a economía social seguiremos traballando coa rede Eusumo e con programas como ES-Próxima, que definirá un selo de identidade para estas fórmulas en Galicia.
Para consolidar iniciativas e crear emprego de economía social, revalidaremos iniciativas como Aprol Economía Social, para fomentar a incorporación de persoas desempregadas e persoas traballadoras a cooperativas e sociedades laborais; ES-Factory de aceleradoras de emprendemento; ES-Transforma, para recuperar negocios sen relevo xeracional; ou Bono Consolida Economía Social, que incide na transformación dixital e na mellora da eficiencia enerxética das entidades da economía social.
O terceiro bloque avogará pola creación e mantemento do emprego en empresas de inserción e centros especiais de emprego e pola formación dual para as persoas con discapacidade intelectual.
A economía social representa máis do 7% do PIB galego, que lle queda ao sector para ter unha maior presenza na sociedade.
É fundamental seguir a visibilizar este modelo de cooperación que se rexe por fórmulas de goberno democráticas e participativas, que ten demostrado que posúe máis fortalezas que outro tipo de proxectos para afrontar as crises económicas. A resistencia do cooperativismo acredítase cunha menor destrución de emprego e pola toma de decisións colectiva, onde o obxectivo primeiro nunca é maximizar os beneficios.
Quédalle seguir crecendo para se consolidar como motor de desenvolvemento económico sustentable, que crea emprego de calidade, integrador e asentado no territorio. A Xunta de Galicia cre nos seus beneficios e seguirá a impulsar a economía social no futuro.