COOPERAMOS+

Potenciación do cooperativismo no marco do PEL da Deputación da Coruña

A Unión de Cooperativas EspazoCoop e a Deputación Provincial da Coruña colaboran mediante un convenio para realizar o Programa de Potenciación do Cooperativismo «COOPERAMOS+» durante 2020 dentro do Plan de Emprego Local -PEL-. Está conformado por dúas liñas de accións que buscan apoiar e impulsar o cooperativismo na provincia da Coruña, en especial con motivo da crise pola covid19.

Ambas entidades impulsan o programa que permite dotar ás cooperativas da provincia da Coruña e a grupos de emprendemento cooperativo, de servizos de orientación, asesoramento e acompañamento especializado, para axudar a minimizar o impacto da crise, resolvendo as principais cuestións laborais, xurídicas, económicas, organizativas , financeiras, comerciais ou de planificación, no caso das cooperativas en funcionamento, e no caso de iniciativas para crear cooperativas, apoio para analizar a idea, elaborar o plan de empresa e tramitar a súa constitución.

O Servizo prestará soporte para superar a crise actual do mundo do traballo, tratando de evitar no posible a perda de emprego cooperativo ou o peche de cooperativas na provincia da Coruña.

Dous Servizos:

1| Cooperamos+ Impulso
Orientación, asesoramento e acompañamento para grupos promotores de empresas cooperativas. Trátase de prestar un servizo para favorecer a creación de cooperativas, tamén con especial atención a colectivos con especiais dificultades de inserción ou que proveñan de empresas en crise para tratar de minimizar o impacto no emprego da área e atopar saídas de autoemprego colectivo que contribúan ao mantemento da actividade empresarial.

Servizo prestado de forma telemática a través dun itinerario personalizado.

2|  Cooperamos+ Acompañamento

Asesoramento e acompañamento para cooperativas en marcha, con especial incidencia en empresas en crise, persoas autónomas para agrupar servizos, recursos e investimentos, tamén as cooperativas ubicadas no ámbito rural ou periurbano da provincia da Coruña que teñen máis difícil o acceso a programas personalizados de apoio e relanzamento da súa actividade.

Servizo prestado de forma telemática, seguindo un plan de traballo a medida.

A prestación dos servizos conta con aplicacións dixitais propias e especializadas Consolida ES e con orientación sobre instrumentos financeiros éticos e de base cooperativa como Fiare Banca Ética e Coop57 Servizos Financeiros Éticos e Solidarios.

Capacidade de adaptación do Cooperativismo

Se por algo se ten caracterizado o cooperativismo ao longo da historia, é pola súa resistencia e capacidade de adaptación. En relación coas anteriores crises económicas, o cooperativismo ten demostrado que a súa organización democrática e participativa e os seus principios e valores son factores que contribúen ao mantemento de postos de traballo e a actividade económica, pero compre axudar ás cooperativas,  especialmente as máis golpeadas por esta crise, mediante procesos de acompañamento, de intercambio de boas prácticas, atendendo necesidades, aportando recursos e facilitando formación aplicada e práctica, nos ámbitos estratéxicos e de planeamento para que, do mesmo xeito que noutras ocasións, se poda sair desta crise cooperando.

CONTÁCTANOS para solicitar máis información, cita previa de atención, e demandar estes servizos : 981 57 55 78 | info@espazo.coop | www.espazo.coop