Dende a cooperativa Catro Ventos Editora fannos partícipes do lanzamento do mecenado a través de Goteo do Libro: «Árbores que non arden. As mulleres na prevención de incendios forestais”, de Proxecto Batefogo.
Sobre a obra
Ano tras ano, a desfeita anunciada dos lumes toma protagonismo coa chegada do verán. Unha e outra vez falamos dos problemas do rural, do monte abandonado, dos incendiarios, da falta de instrumentos sociais e políticos para lle facer fronte ao problema do monocultivo do eucalipto.
En 2014, un grupo de xente decide facer algo: crear un proxecto colectivo baseado na sustentabilidade que aposte pola educación e a participación social, un proxecto que reforce a idea do monte como ben común e que impulse unha xestión participada do territorio. Xurde así o proxecto Batefogo.
Cando comezaron co deseño do proxecto tiñan claro que boa parte das solucións á problemática dos incendios estaba no terreo do social. As súas ferramentas eran, e son, a educación e a participación, e con elas traballan nas comunidades máis directamente afectadas polos lumes, abordando as súas causas estruturais e deseñando colectivamente propostas de actuación.
Unha das liñas transversais era o xénero, incorporando na metodoloxía de intervención técnicas e dispositivos educativos e participativos que apostan pola equidade. Porén, nunha panorámica superficial do mundo do lume, a presenza de mulleres resulta aparentemente anecdótica. A súa visibilidade nos distintos escenarios do complexo quebracabezas que supón a problemática dos incendios forestais en Galicia é moi reducida.
Chega con facer memoria das noticias sobre a autoría dos lumes, das imaxes do servizo de extinción, dos comités da administración ou dos foros de debate sobre os lumes, o ordenamento e a xestión do territorio. É que elas non prenden? Non apagan? Non deciden? Non reflexionan sobre os incendios forestais, as súas causas e consecuencias?
Este libro nace para dar resposta a algunhas desas preguntas e mesmo facer outras que contribúan a implicar cada vez máis persoas, colectivos e entidades na prevención dos lumes forestais. A través da temática dos lumes en Galicia, ábresenos un abano de múltiples puntos de vista desde os que podemos abordala e que á súa vez nos achegan datos da historia e evolución dos nosos montes, mais tamén da nosa sociedade. Cunha mirada multidisciplinar, falamos de prevención de lumes forestais, mais tamén de historia, socioloxía, ciencias ambientais, urbanismo, economía e ecoloxía.
Árbores que non arden. As mulleres na prevención de incendios forestais terá formato de libro impreso e a súa publicación está prevista para outubro de 2019.
Atópase en proceso de cofinanciamento dentro da plataforma de mecenado Goteo e está a piques de acadar o capital mínimo para levar a cabo a edición.
Calquera persoa pode facerse mecenas mercando o libro de xeito anticipado ou escollendo entre varias recompensas, como unha postal, outras obras de Catro Ventos ou mesmo unha serigrafía de Xoana Almar (Cestola na Cachola), autora da imaxe que ilustra a obra.
Sobre a autoría
O Batefogo é un proxecto de intervención social que propón compaxinar de forma eficaz a prevención dos lumes coa dinamización económica e social do medio rural. O seu deseño é o resultado do traballo agregado dunha equipa multidisciplinar composta por Celsa González Ogando, EnComún Proxectos, S. Coop. Galega, Feitoría Verde, S. Coop. Galega e Miguel Pardellas Santiago.
Desde o ano 2016, en que comeza a súa andaina, o proxecto púxose en práctica no concello de Manzaneda (como proxecto piloto) e na Comarca do Barbanza (nos concellos de Porto do Son, Ribeira, Boiro e a Pobra do Caramiñal). Ademais, tense colaborado na realización de iniciativas puntuais a través de asociacións e comunidades de montes nos concellos de Teo, Ponteareas, Lugo, Marín, Chandrexa de Queixa, Chantada ou Santiago de Compostela.
Sobre a editora
Catro Ventos é unha cooperativa sen ánimo de lucro centrada na publicación en galego de traducións e obras de creación propia. A idea deste proceso editorial nado en 2015 e materializado en xuño de 2016 foi consecuencia da combinación de dous elementos igual de importantes: o desexo de poder desenvolver unha actividade profesional que non só sexa viable economicamente, mais tamén coherente cos principios éticos das persoas socias que participamos no proxecto; e a constatación de que existe un baleiro no mundo editorial galego nos ámbitos da economía social e da ecoloxía, malia o interese cada vez maior por estas cuestións na sociedade en xeral.
Se queres colaborar coa Campaña en Goteo, preme aquí