As cooperativas de ensino de Aces Galicia, sindicatos e a Xunta, asinan un acordo para incentivar a recolocación do profesorado
O director xeral de Centros e Recursos Humanos da Xunta de Galicia, Jesús Álvarez, e representantes dos sindicatos e dos centros educativos concertados, entre eles as cooperativas de ensino de EspazoCoop, asinaron o pasado 14 de xuño o primeiro acordo para incentivar a recolocación do profesorado. O obxectivo é facilitar que as persoas docentes que se vexan afectadas pola modificación de unidades concertadas nestes colexios, por mor da caída da natalidade, poidan empregarse nos que manteñan ou incrementen o número de aulas con concerto, por razóns de matrícula, ou que rexistren xubilacións.
As cooperativas de ensino de EspazoCoop, fan parte da Asociación de Centros de Ensino de Economía Social de Galicia (ACES Galicia), que asinou este acordo xunto as patronais Federación Autonómica de Centros de Ensino Privado de Galicia (CECE Galicia) e Escolas Católicas, así como, por parte dos sindicatos, a Federación de Sindicatos Independentes de Ensinanza (FSIE), sindicato maioritario do ensino concertado, e Unión Sindical Obreira (USO). O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, asistiu á sinatura do acordo.
Bolsa de emprego
O acordo estrutúrase en dúas bases: o apoio ao profesorado e aos centros. Neste sentido, a principal medida é a creación dunha bolsa de recolocación na que, a petición propia, poderá incluírse o persoal docente que, como consecuencia da modificación do número de unidades, perda o posto de traballo do que é titular a partir do 31 de agosto de 2023. Para iso deberán estar contratados previamente con carácter indefinido cunha antigüidade mínima de dous anos e cun número de horas lectivas semanais igual ou superior a 12.
Serán os centros de orixe os que, coa autorización do profesorado, remitan a relación de persoas nesta situación e a documentación correspondente á Consellería para a súa inclusión na bolsa de emprego.
Á hora de cubrir vacantes con contratos indefinidos, os centros concertados terán en conta a bolsa. Para incentivar a contratación destas persoas, a Consellería incrementará as horas de convenio cos colexios que os incorporen ao seu cadro de persoal. Serán, en concreto, cinco horas máis no mesmo nivel educativo por cada persoa contratada 25 horas lectivas semanais e tres no caso de ser un contrato de máis de 12 e menos de 25 horas lectivas á semana.
De xeito complementario, a Xunta apoiará aos centros que perdan concertos cunha achega de ata 6.000 € por unidade suprimida para contribuír a sufragar os gastos derivados desta situación e favorecer a súa modernización. Os centros que perciban esta achega quedan obrigados a contratar profesorado incorporado á bolsa de recolocación, no caso de precisalo nun futuro.
Este acordo terá efectos a partir do 1 de setembro de 2023 e estenderá a súa vixencia durante o novo período de concertos, que comezará o vindeiro curso e rematará o 31 de agosto de 2029.
(Fonte: Portal Educación, web Xunta de Galicia)