Acordo de colaboración entre o Concello de Pontevedra e EspazoCoop para promocionar o cooperativismo

 

O Alcalde de Pontevedra e a Presidenta de EspazoCoop asinaron esta mañá un protocolo de colaboración para promocionar o cooperativismo

Pontevedra, 2 de decembro de 2022. Na mañá de hoxe, Miguel Anxo Fernández Lores, Alcalde de Pontevedra, e Ana Olveira, Presidenta de EspazoCoop, asinaron un protocolo de colaboración co obxectivo de promocionar o cooperativismo, a economía social e o fomento do emprendemento e a innovación social no municipio.

A través deste protocolo estableceranse canles de participación e colaboración do persoal técnico de EspazoCoop, co persoal funcionario do Concello de Pontevedra, en particular cos departamentos de promoción da cidade e promoción económica para, por unha banda, promover un modelo de cidade cun modelo produtivo sostible e imbricado no territorio, fomentar o cooperativismo e o emprendemento cooperativo dando a coñecer as súas potencialidades e a súa capacidade de resposta a distintas demandas e necesidades da cidadanía e, pola outra, visibilizar e poñer en valor as iniciativas de economía social que existan e xurdan na cidade a través de procesos de creatividade, participación e/ou colaboración entre persoas e entidades da cidade.

Este protocolo terá unha duración de dous anos e propiciará a participación activa de EspazoCoop nos eventos e actividades destinados a xerar ideas de negocio, procesos de emprendemento e creación de empresas e emprego, no marco da Economía Social. Segundo Ana Olveira, Presidenta de EspazoCoop, “agradecemos ao Concello de Pontevedra a súa implicación no fomento do cooperativismo e a economía social, unha fórmula empresarial cada vez máis estendida e que obtén uns grandes resultados. Non só económicos, tamén sociais, medioambientais e de respecto. As formas de traballar das cooperativas van máis alá dos meros números, poñen ás persoas no centro da súa actividade e isto é fundamental para un desenvolvemento sostible”.

Pola súa banda, Miguel Anxo Fernández Lores, Alcalde de Pontevedra sinalou que “este protocolo parte dun acordo para instalar na Boa Vila a primeira aceleradora de economía social de Galiza nun espazo físico, que desta ocasión será o antigo conservatorio da rúa Alfonso XIII”.

Sobre EspazoCoop

A Unión de Cooperativas Espazocoop é unha entidade multisectorial de carácter empresarial, configurada como asociación sen ánimo de lucro, de ámbito galego, integrada por cooperativas de distintas clases, inspirada nos principios cooperativos e os seus valores, que ten como obxectivo agrupar, representar, impulsar, fomentar a intercooperación e defender os intereses das súas cooperativas socias e das persoas que as constitúen, así como a divulgación, fomento e consolidación do cooperativismo, como ferramenta de desenvolvemento socioeconómico, no marco da economía social e solidaria.

 

 

El pase de diapositivas requiere JavaScript.