12 novas cooperativas creadas en Galicia grazas ao Programa +COOP de EspazoCoop
Os resultados deste programa foron presentados hoxe nunha xornada celebrada en Silleda que contou coa presenza de Marta Mariño, Directora xeral de traballo autónomo e economía social da Xunta de Galicia.
Hoxe tivo lugar en Silleda a Xornada de presentación de resultados do programa +COOP de EspazoCoop, un proxecto que nace como apoio na creación de cooperativas e que ten o obxectivo principal de prestar servizos de apoio á cidadanía para crear empresas cooperativas e acceder con elo ao emprego, mediante a fórmula do autoemprego colectivo. A Unión de Cooperativas EspazoCoop vén desenvolvendo este programa no período 2023-2024, en colaboración coa Xunta de Galicia, Cepes e o Fondo Social Europeo Plus, o seu resultado foi a constitución de 12 cooperativas, cunha creación asociada de 26 postos de traballo.
En total atendéronse a 134 persoas interesadas en crear unha cooperativa, das cales o 62% foron mulleres. Dos 18 grupos promotores atendidos, creáronse 12 cooperativas de actividades múltiples pero fundamentalmente servizos en xeral, variados e coidados. Por provincias, 11 destes grupos foron de Pontevedra, 4 de Ourense, 2 de A Coruña e 1 de Lugo.
Lucía Mendoza, Directora Xerente salientou a personalización do programa en función das necesidades das cooperativas, “os servizos e os procesos de atención a usuarias realizados desde a Unión de Cooperativas, son reflexivos e participados, e pasan por distintas etapas antes da constitución da cooperativa, dependendo do grao de maduración do grupo emprendedor e do proxecto, polo que se deseña un itinerario personalizado, a medida das necesidades, podendo prestarse o servizo mediante sesións telemáticas e presenciais”.
Programa +COOP
O Programa +COOP da Unión de Cooperativas EspazoCoop, realizado dentro da programación 2023-2024 da Rede Eusumo, ten por finalidade asesorar e acompañar a grupos de persoas que promoven empresas cooperativas, de xeito gratuíto en todo o ámbito de Galicia.
Desde outubro de 2023 véñense beneficiando distintas persoas e colectivos usuarios de +COOP que dá apoio á cidadanía para acceder ao emprego mediante a organización de proxectos laborais cun modelo cooperativo, ofrece soporte para organizar a súa actividade laboral con este tipo de empresas de autoemprego colectivo.
+COOP facilita orientación, información, asesoramento, e acompañamento especializado para facer dunha idea de negocio e das actividades profesionais, proxectos cooperativos viables, económica e societariamente, prestando:
- A orientación para coñecer o modelo cooperativo,
- A análise da idea inicial de actividade laboral,
- O apoio na elaboración do plan de empresa,
- A elaboración de estatutos sociais,
- O asesoramento no financiamento,
- O apoio na tramitación das axudas para cooperativas,
- A constitución formal da cooperativa.
+COOP conta co apoio e enmárcanse no Programa 2023-2024 da REDE EUSUMO da Xunta de Galicia, Cepes e o Fondo Social Europeo Plus.
Sobre EspazoCoop
A Unión de Cooperativas Espazocoop é unha entidade multisectorial de carácter empresarial, configurada como asociación sen ánimo de lucro, de ámbito galego, integrada por cooperativas de distintas clases, inspirada nos principios cooperativos e os seus valores, que ten como obxectivo: agrupar, representar, impulsar, fomentar a intercooperación e defender os intereses das súas cooperativas socias e das persoas que as constitúen, así como a divulgación, fomento e consolidación do cooperativismo, como ferramenta de desenvolvemento socioeconómico, no marco da economía social e solidaria.