Un total de 15 entidades de economía social gallegas participan en el POP UP del Mercado do Progreso en Vigo
A iniciativa – impulsada por EspazoCoop – forma parte do proxecto europeo LACES, co que se pretende fomentar a economía social na Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal
Un total de 15 entidades da economía social galega participarán os días 9, 10 e 11 de maio nos Espazos Efémeros POP UP que terán lugar no Mercado do Progreso en Vigo e que dinamiza a Unión de Cooperativas EspazoCoop.
Os Espazos Efémeros POP UP son feiras de economía social nas que participan proxectos empresariais da Economía Social en fase de creación e consolidación, co obxectivo de que poidan expor os seus produtos e/ou servizos e obter desta forma unha experiencia real de venda que lles permita adquirir unha aprendizaxe coa que perfeccionar o seu modelo de negocio.
O Espazo Efémero POP UP que vai celebrarse en Vigo ofrece a posibilidade de facer un percorrido pola situación actual da economía social en Galiza, desde as propias cooperativas e atendendo a sectores diversos, o que dá mostra do dinamismo e diversidade do sector. Neste encontro estarán presentes entidades como A Factoría Atelier, Cal3 fotografía, Fablab Vigo, Teixugo, Ribeiregas, Ben Mercado, Triwus, D_RAÍZ, Árbore Arqueoloxía, Alcrique, Milhulloa, Tres Fuciños, Conservas Anaco, Fiare Banca Ética e Catarse.
Na feira inclúense, ademais da exposición e mostra de produtos e servizos da economía social, actividades divulgativas do cooperativismo e da economía social, formación e asesoramento comercial, unha exposición sobre a economía social e un espazo reservado para as crianzas.
Os “espazos efémeros POP UP” inscríbense no programa europeo LACES, proxecto que ten como obxectivo contribuír ao fomento da economía social na Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal. Así mesmo, o LACES materialízase a través do apoio vehiculado polo Programa INTERREG V-A España-Portugal (POCTEP) 2014-2020. Con el, preténdese dar un salto cuantitativo na competitividade e impulsar os proxectos empresariais de economía social no espazo transfronteirizo, axudando á creación de empresas e de empregos de calidade na Eurorrexión.
Para implementar na Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal as distintas actuacións previstas no LACES, ademais da Xunta de Galicia participan as seguintes entidades galegas e portuguesas: Unión de Cooperativas EspazoCoop, Universidade de Santiago de Compostela (USC), Asociación galega de cooperativas agroalimentarias (Agaca), Asociación de sociedades laborais galegas (Aesgal), Utad, Tec Minho, In.cubo e a Câmara Municipal de Santo Tirso.
Neste marco, os espazos efémeros POP UP buscan difundir os valores e as vantaxes da ECONOMÍA SOCIAL –ES-, ofrecendo experiencias reais para testar os produtos, servizos e ou proxectos en situacións de venda reais, achegándoas ao público e permitíndolles establecer un diálogo que traslade unha visión desde o punto de vista da persoa receptora.
Promove: Unión de Cooperativas EspazoCoop – www.espazo.coop