«Talento Cooperativo»
Consolídate e mellora a túa entidade de economía social
A Unión de Cooperativas Galegas Espazocoop abre a convocatoria para participar no programa TALENTO COOPERATIVO, un programa de consolidación e formación para a mellora no funcionamento das cooperativas e entidades de economía social.
Talento Cooperativo ten como obxectivo facilitar apoio ás entidades participantes, mediante a facilitación de recursos humanos formados en xestión empresarial e con coñecementos específicos sobre cooperativas e outras fórmulas da economía social de cara a fortalecer as súas competencias en xestión empresarial ao tempo que se achega unha alternativa de remuda xeracional para as empresas beneficiarias.
[ Destinatarias desta convocatoria]
Convocatoria dirixida a cooperativas, con preferencia a cooperativas socias de EspazoCoop, e entidades de economía social.
[ Por que é de interese para cooperativas e entidades de economía social solicitar a participación no Programa? ]
Se sodes unha cooperativa que quere mellorar e mesmo impulsar a área da xerencia, este programa pode interesarte. O recurso permitirá contar cunha persoa titulada con formación empresarial, durante 6 meses, e froito da súa laboura poderá obter un Plan de Mellora e avances nas funcións xerenciais na vosa empresa, pasando por fases de análise, planificación e xestión participada.
Se non contades con persoal cualificado e específico para desempeñar a xestión empresarial e directiva na cooperativa esta pode ser unha boa oportunidade. Solicita unha bolsa ata o mércores 16 DE OUTUBRO DE 2024.
Contar cunha persoa bolseira permite analizar, deseñar, planificar e desenvolver accións de mellora na xestión da organización, e o fará co apoio de titorización de EspazoCoop, en coordinación coa cooperativa e adaptándose ás necesidades e demandas desta.
DOCUMENTOS DO PROGRAMA
- Bases da convocatoria do programa Talento Cooperativo, neste enlace
- Solicitude do programa, neste enlace
- A solicitude do programa ademais conleva cumprimentar en liña e enviar un Formulario habilitado para recabar información da solicitante, neste enlace
- Folleto divulgativo neste enlace
[ As bolsas do programa TALENTO COOPERATIVO son unha ferramenta de utilidade na empresa cooperativa ]
O recurso das bolsas ten amosado que é unha ferramenta de utilidade, despois de dez edicións do programa xa participaron 58 cooperativas e entidades de economía social que valoraron de xeito moi positivo a experiencia, tanto polo apoio que deu aos proxectos e á actividade económica, como polos resultados do traballo realizado polas persoas bolseiras.
A diagnose feita para a cooperativa, as propostas de mellora que se plantexaron, incluso que se levaron a cabo, así como a aprendizaxe mutua no ámbito xerencial que experimentan, fan que lles resulte un instrumento de apoio na evolución empresarial ben interesante. O balance acumulado, lévanos a dar continuidade ao programa e a por en marcha unha nova convocatoria.
Máis información e consultas: roberto@espazo.coop | 986 866 149
—
*Programa creado e convocado por: Unión de Cooperativas Galegas EspazoCoop.
*Esta iniciativa conta co apoio dos programas:
– Programa 2024-2025 da Rede Eusumo. Dirección Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social da Xunta de Galicia, co financiamento do Ministerio de Traballo e Economía Social do Goberno de España.
– Programa ES Factory, Interreg España-Portugal POCTEP 2021-2027.