Seleccionamos persoas para formarse en xerencia de cooperativas
O programa «Apoio á Función Xerencial en Cooperativas – Creando Mellora» (11ª edición) lanza a súa convocatoria de Bolsas en cooperativas para persoas con estudos empresariais
Iniciamos o proceso de selección de Bolseiras para participar nas Estadías en Cooperativas, no marco do Programa Apoio á Función Xerencial en Cooperativas – Creando Mellora, 2023.
A Unión de Cooperativas EspazoCoop, abre a convocatoria do Programa de Apoio á Función Xerencial en Cooperativas 2023, a súa 11ª edición, dirixida preferentemente a mulleres en desemprego con estudos na área empresarial. Convócanse 4 bolsas que darán a posibilidade de realizar unha Estadía en Prácticas nunha Cooperativa galega durante 6 meses para impulsar e apoiar o ámbito xerencial e procesos de mellora, as Bolsas están dotadas cunha Axuda Económica mensual bruta de 700 €.
A Estadía en Prácticas é para analizar, deseñar, planificar e desenvolver accións de mellora na xestión da cooperativa. A persoa Bolseira e a Cooperativa contan ademais co apoio da mentoría e titorización de EspazoCoop, que se realiza en cordinación coa Cooperativa apoiando as súas necesidades e demandas. A previsión da duración da Estadía é do 13 de Marzo ao 11 de Setembro 2023 a razón de 25 horas semanais. As bolsas están vinculadas a un Programa Formativo teórico-práctico que vai paralelo á Estadía.
Sinalar que como parte do proceso de selección das Bolseiras (previo á Estadía), as candidatas pre-seleccionadas terán que realizar un CURSO de formación cooperativa, previsto do 27 de febreiro ao 6 de Marzo de 20 h. en modalidade semi-presencial. O curso consta de dúas sesións presenciaisl en Santiago o 28 de febreiro e o 3 de marzo.
- Accede á Convocatoria 2023 (11ª edición) de «Creando Mellora» neste enlace
- Formulario de solicitude neste enlace
- Cartel neste enlace
Xa foron beneficiarias dunha Estadía en Prácticas nunha Cooperativa 54 persoas bolseiras ao longo do conxunto de tódalas edicións. As súas valoracións son moi positivas, contribuíndo á mellora da súa formación e a acadar experiencia que facilita a incorporación ao mundo laboral. Ademais de ser un programa diferenciador, xa que as persoas se especializan en materia cooperativa e nalgúns casos quedan vinculadas profesionalmente ao sector cooperativo e da economía social. Poderíase dicir que é un programa que crea «canteira» para o mundo cooperativo.
PRAZO DE SOLICITUDES: para candidatarse e solicitar unha bolsa poden realizarse solicitudes ata o luns 20 de Febreiro de 2023.
Estas son as localidades das cooperativas nas que se realizarán as Estadías das Bolsas:
- Vigo (2 prazas – 2 bolsas)
- O Carballiño (1 praza – unha bolsa)
- A Coruña e Cesures (1 praza – unha bolsa)
Nota: A entidade convocante resérvase a posibilidade de modificar o prazo de solicitude e as datas do programa, se fora o caso, por motivos e causas de interese para o desenvolvemento do proceso de Selección e do Programa.
Información: Unión de Cooperativas EspazoCoop | 986 866 149 – roberto@espazo.coop | de luns a venres de 9-14 h.
** Acción dentro dos Programas:
- REDE EUSUMO. A Rede Eusumo é unha rede de colaboración impulsada pola Secretaría Xeral de Emprego, Traballo Autónomo e economía Social da Xunta de Galicia para o fomento e consolidación do cooperativismo e a economía social que conta co financiamento do Ministerio de Trabajo y Economía Social.
- Programa Poises, convocado por Cepes co apoio do FSE.