Galicia consolídase como segunda comunidade autónoma en creación de cooperativas con 192 novas sociedades no 2024

EspazoCoop celebrou este venres a súa Asemblea Xeral na que se presentaron os resultados dun ano marcado pola expansión e consolidación do cooperativismo galego

O 90 % das cooperativas creadas en Galcia no ano 2024 foron de traballo asociado

A Unión de Cooperativas EspazoCoop celebrou este venres a súa Asemblea Xeral Ordinaria, na que presentou a súa memoria de actividades 2024, nun contexto onde Galicia se consolida como a segunda comunidade autónoma de España en creación de cooperativas, con 192 novas entidades constituídas durante o pasado ano, das cales 174 son de traballo asociado.

Este dato supón que máis do 90% das novas cooperativas creadas en Galicia en 2024 optaron pola fórmula de traballo asociado, consolidando este modelo como a principal vía de emprendemento colectivo e xeración de emprego sostible no territorio.

Baixo o lema “Somos rede, somos impulso”, a presidenta da Unión, Ana Olveira Blanco, destaca que o 2024 foi «un ano de impulso e consolidación para o cooperativismo galego», que sinala como «un indicativo de que o ecosistema que vimos construíndo está a dar os seus froitos».

EspazoCoop, entidade de referencia do cooperativismo galego e a unión con maior base social na comunidade, reafirmou durante o 2024 o seu papel institucional e incrementou a súa presenza internacional ao incorporarse ao Comité de Xénero da Alianza Cooperativa Internacional (ACI), permitindo compartir a experiencia do cooperativismo galego desde unha mirada feminista e transformadora no contexto global.

Entre os resultados máis salientables da memoria destaca o acompañamento a emprendedores, con máis de 125 grupos atendidos que cristalizaron na creación de 32 novas cooperativas e 75 empregos. A Unión desenvolveu no último ano máis de 69 accións formativas, divulgativas e de fomento do cooperativismo, que chegaron a máis de 1.000 persoas, mentres que os procesos de consolidación beneficiaron a 177 cooperativas existentes, fortalecendo a intercooperación e a sustentabilidade dos proxectos.

No ámbito da representación institucional, EspazoCoop participou activamente en 18 redes e organismos, realizando máis de 60 accións para defender os intereses do sector cooperativo. A Unión destacou tamén a importancia da súa estrutura económica diversificada, con convenios de colaboración con entidades como os Concellos da Coruña e Santiago, a Deputación da Coruña e fondos procedentes de convocatorias europeas, que permitiron financiar unha actividade total de 641.000 euros no 2024.

A memoria dá conta ademais do lanzamento de iniciativas destacadas como «EspazoCoop Emprende», un servizo de dinamización, apoio e acompañamento para emprender en réxime de cooperativa con itinerarios personalizados que se estenderá ata o ano 2029, ou a campaña «Somos COOP, Somos TOP», que acadou máis de 20.000 persoas de alcance nas redes sociais.

“En EspazoCoop traballamos para que o cooperativismo non sexa só unha opción viable, senón un camiño sostible, acompañando, formando e tecendo rede para consolidar proxectos que transforman territorios”, subliña Ana Olveira.

«Seguimos divulgando, acompañando e consolidando o cooperativismo con máis intensidade e convicción ca nunca», sinala Olveira, que engade que os resultados «anímanos a seguir, coas raíces ben fondas e a mirada posta nun horizonte cooperativo que medra con forza», especialmente ante o desafío do 2025, declarado pola ONU como Ano Internacional das Cooperativas.

 

Sobre EspazoCoop

A Unión de Cooperativas Espazocoop é unha entidade multisectorial de carácter empresarial, configurada como asociación sen ánimo de lucro, de ámbito galego, integrada por cooperativas de distintas clases, inspirada nos principios cooperativos e os seus valores e que ten como obxectivo: agrupar, representar, impulsar, fomentar a intercooperación e defender os intereses das súas cooperativas socias e das persoas que as constitúen, así como a divulgación, fomento e consolidación do cooperativismo, como ferramenta de desenvolvemento socioeconómico, no marco da economía social e solidaria.