EspazoCoop asistiu á Gala do Ano Internacional das Cooperativas 2025: «Pódese vivir dentro do cooperativismo»

 

EspazoCoop participou no evento que pechou a nivel institucional o Ano Internacional das Cooperativas 2025 declarado pola ONU. Celebrado o 11 de decembro na Praza da Quintana en Santiago de Compostela foi promovido pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e o Consello Galego de Cooperativas do que a Unión de Cooperativas fai parte.

A gala, conducida por O Faiado Podcast, estivo chea de sorpresas, música, e teatro, e contou coa participación dunha morea de cooperativas da comunidade para conectar coa realidade galega e amosar que é posible construír un futuro máis xusto e pleno a través do cooperativismo.

A cita estivo convocada baixo o lema: «Pódese vivir dentro do cooperativismo», e foi unha celebración aberta a cooperativistas e a toda a cidadanía, especialmente ás persoas máis novas que buscan alternativas reais e transformadoras de vivir e acceder ao emprego.

A vicepresidenta do Consello Galego de Cooperativas, Carmen Rodríguez participou tamén da gala que puxo o foco en experiencias do cooperativismo nos ámbitos das finanzas, a enerxía, o comercio, a vivenda, a agricultura, os coidados, ou a cultura entre outros, coa intervención das cooperativas: Coop57 Galicia, Caixa Rural Galega, Creativas Galegas, Nosa Enerxía, Miudiño, Ribeira do Navia, Campo Capela, Colaxe  e Alvariza, que ilustraron que o cooperativismo é moito máis cun modelo económico, pode ser un estilo de vida que incide en todo o día a día das persoas, desde o que se come ata como xestionar as finanzas, pasando pola cultura ou os coidados.

Tamén estreouse o Himno Cooperativista Galego, cun videoclip gravado pola Banda Sinfónica de Galicia e a Federación Coral Galega, coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e a cooperativa de teatro Feroz interpretou a peza teatral que creou especificamente para a ocasión.

O evento contou coa participación por parte da Xunta de Galicia de Marta Mariño, directora xeral de traballo autónomo e economía social, de Valentín García secretario xeral de de Lingua, e de José González Vázquez, Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, quen clausurou a gala e comentou cuestións relacionadas co actual proceso de modificación da Lei de Cooperativas de Galicia, puxo de relevo o auxe do cooperativismo galego que, por primeira vez este ano, superou as 2.000 cooperativas, o que supón unha suba de arredor do 40% en relación a hai cinco anos. Ademais, destacou que este sector ten un volume global de facturación superior aos 3.000 millóns de euros anuais e que emprega a unhas 78.000 persoas, entre persoas socias e traballadoras por conta allea. Tamén destacou o papel da Rede Eusumo, da que EspazoCoop fai parte, e dos programas e axudas de apoio ao coopereativismo.

Ademais, destacou este evento como exemplo de colaboración público-privada e do potencial do cooperativismo, pois a súa organización foi realizada por cooperativas galegas.