EspazoCoop fomenta a economía social a través dunha Rede de persoas Mentoras
O día 6 de novembro celebrouse a xornada ES-MENTORING “Rede de Mentorías da Economía Social” que reuniu en Santiago a preto de 40 entidades da economía social.
A Xornada ES-MENTORING “Rede de Mentorías da Economía Social”, é un encontro destinado a fortalecer a colaboración e o intercambio de experiencias no ámbito da economía social en Galicia. A xornada, organizada por EspazoCoop e inaugurada por Pablo Fernández López, Secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, e Ana Olveira Blanco, Presidenta de EspazoCoop, reuniu a mentoras e entidades mentorizadas do programa ES-MENTORING das edicións 2022 e 2023.
O evento centrouse na transmisión de coñecemento e na consolidación de relacións de apoio entre as empresas e cooperativas de economía social da rexión. ES-MENTORING é unha iniciativa de acompañamento e orientación especializada, dirixida a cooperativas e empresas sociais galegas que están en proceso de evolución, afrontando cambios, innovacións ou momentos de desafío. Este programa ofrece o soporte de mentoras e mentores expertos en economía social, quen, tras superar retos similares, poden compartir estratexias, aprendizaxes e a súa propia experiencia.
Catálogo de persoas mentoras na economía social
Durante a xornada presentouse o Catálogo virtual da Rede de Mentoras na economía social que presten asesoramento e acompañamento especializado, para a mellora da competitividade das entidades da economía social. Este catálogo, composto por preto de 70 persoas, está dispoñible na web de ES-MENTORING, Consulta catálogo
Unha xornada de intercambio e crecemento
Durante o encontro, as entidades mentorizadas e mentores participantes compartiron reflexións sobre o impacto que o programa tivo nas súas organizacións. En total participaron preto de 40 entidades da economía social. Tamén se analizaron casos de éxito e exploráronse oportunidades de colaboración para continuar medrando este tecido empresarial. A Xornada ES-MENTORING non só fomentou o intercambio de experiencias, senón que tamén axudou a perfilar a oferta de mentoría en función das necesidades reais das empresas do sector.
A xornada tivo unha excelente acollida entre as persoas asistentes, que destacaron a importancia de contar cunha rede de apoio sólida para enfrontar os desafíos propios do sector e continuar contribuíndo ao desenvolvemento dunha economía social sostible e cohesionada en Galicia. A organización agradece a todas as mentoras, entidades participantes e colaboradores que fixeron posible este evento, e reafirma o seu compromiso co apoio e consolidación da economía social galega.
Sobre ES-MENTORING
ES-MENTORING é un programa de acompañamento e asesoramento que se dirixe ás empresas da economía social que teñen unha necesidade específica, ou que están nun momento de crise, proceso de cambio, transformación, innovación… e están interesadas en recibir orientación ou asesoramento sobre como enfocar a situación por parte doutras persoas expertas e empresas da economía social xa consolidadas e que poidan ter pasado por situacións similares con anterioridade.
Sobre EspazoCoop
A Unión de Cooperativas EspazoCoop é unha entidade multisectorial de carácter empresarial, configurada como asociación sen ánimo de lucro, de ámbito galego, integrada por cooperativas de distintas clases, inspirada nos principios cooperativos e os seus valores e que ten como obxectivo: agrupar, representar, impulsar, fomentar a intercooperación e defender os intereses das súas cooperativas socias e das persoas que as constitúen, así como a divulgación, fomento e consolidación do cooperativismo, como ferramenta de desenvolvemento socioeconómico, no marco da economía social e solidaria.