Continuamos o diálogo coas administracións para trasladar demandas das cooperativas
Estimadas compañeiras e compañeiros cooperativistas,
Despois de máis de cinco semanas na casa espero que vós e as vosas familias, cooperativas e amizades esteades ben. Xa queda menos para a fin do confinamento e ver a luz que entra polas nosas fiestras.
Neste tempo, que parecen meses no canto de semanas, dende Espazocoop tentamos acompañarvos na travesía dun camiño que nunca antes tivéramos que percorrer nin como empresas nin como persoas e aquí seguimos.
Entre as moitas actividades coas que seguimos, continuamos o papel de interlocutor coas diferentes administracións (estatal, autonómica e local) para trasladarlle as nosas demandas e a importancia de saír xuntas, situando ás persoas no centro das decisións, igual que no cooperativismo o levamos facendo dende sempre.
A pasada semana, da man do Foro Galego pola Economía Social, mantivemos unha xuntanza co conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde. Nela falamos da situación na que se atopa o cooperativismo e o conxunto da economía social galega. Falamos das perdas e das baixadas de facturación; dos ceses de actividade e dos ERTES; dos sectores que se viron na obriga de paralizar toda a súa actividade e daqueles que tivemos que adaptar a nosa actividade, nun tempo récord, para poder seguir a prestar servizos e vender os nosos produtos. Mais tamén puxemos de manifesto a importancia de nestes momentos manter o noso Know how, o saber facer, que é o valor máis importante que temos como sociedade e como economía. Por último, fixémoslle chegar un documento con todas as demandas e necesidades da Economía Social Galega.
Acceso ao documento: Propostas de Medidas Extraordinarias economía social galega (ForoESGal)
Pola súa banda, o conselleiro amosounos “o compromiso da Xunta coa economía social, un modelo sustentable e igualitario, que promove emprego de calidade e que será unha peza fundamental na reactivación económica de Galicia”. Tamén a vontade de analizar o documento de demandas e de manter o diálogo como ponte para seguir traballando.
Seguimos traballando, sendo conscientes de que precisamos medidas no inmediato pois os tempos para moitas esgótanse e os recursos dispoñibles non son suficientes.
Agradecémosvos a vosa colaboración, imprescindible para poder seguir avanzando, e agardamos poder vernos pronto.
Son tempos de coidados.
Ana Olveira Blanco
Presidenta da Unión de Cooperativas EspazoCoop